Abelleira tacha de teatrillo que os tres deputados do PP no Parlamento pregunten no propio Parlamento por esta obra e pídelles que fagan política serie e rigorosa.

Lembran que Balseiro mentíu xa na precampaña electoral no 2018 ao vender que a Xunta sacaría o proxecto a exposición pública de xeito inmediato para activar as expropiacións.


LUGO.- O PSdeG lucense insta aos representantes do PP lucense no Parlamento, Ramón Carballo, Elena Candía e José Manuel Balseiro, a que urxan á Xunta de Galicia a que cumpra o seu compromiso coa cidade de Lugo para construír a segunda e última fase da Rolda Este (que unirá a estrada da Fonsagrada e a Tolda de Castela), cuxa primeira fase executouse no Goberno do socialista Emilio Pérez Touriño, e que logo Feijóo paralizou. “Desde entón, pasaron 15 años e aínda os e as lucenses descoñecemos o proxecto para finalizar o viario”, denuncia a secretaria xeral.


Ana González Abelleira lembra que a Rolda Este é un acceso imprescindible para desconxestionar o tráfico en determinados puntos do casco urbano e periurbano como son a Avenida das Fontiñas e a estrada do Rato, que soportan na actualidade unha elevada intensidade circulatoria, que chegou a quintuplicarse dende a posta en servizo do HULA, hospital de referencia para a cidade e para a provincia.

Para os socialistas resulta sorprendente que tres deputados do PP no Parlamento presenten unha pregunta no propio Parlamento para saber que fará a Xunta, tamén gobernada polo PP, con este acceso. “É sorprendente que estes deputados, un deles concelleiro en Lugo, Ramón Carballo, e outra con aspiracións a gobernar o municipio, Candia, se dediquen a realizar este tipo de teatrillos en vez de defender en firme os intereses da veciñanza lucense”, destacou Ana Abelleira, que lles insta a “defender os intereses da cidadanía lucense de xeito serio e rigoroso”.


González Abelleira lembra, ademais, que o propio Balseiro mentiulle á veciñanza en decembro de 2018, en precampaña electoral para as municipais e só co fin de vender unha foto, cando asegurou que Xunta abriría de xeito inmediato a exposición pública o proxecto e poñería en marcha as expropiacións oportunas co fin de poder incluír nos orzamentos de 2020 unha partida de 22 millóns de euros, que era o custo desta infraestrutura estimado entón polo executivo galego.


“Todo iso quedou, unha vez máis, en nada. Só palabras e fume”, di Abelleira, que pide que “se existe proxecto para a Rolda Este como din, se presente a cidadanía, se inclúa en orzamentos e se execute”.


A tardanza da Xunta, di, está a conlevar que outras administracións, neste caso a Deputación, teña que realizar maiores investimentos no mantemento da estrada do Rato, que é a que se está a utilizar de alternativa da Rolda Este.