Os socialistas esíxenlle aos responsables xudiciais que velen polo dereito ao principio de inocencia, ademais de garantir o respecto ao segredo de sumario.
As Executivas do PSdeG provincial e local de Lugo lamentan a insostible indefensión e a continuada presión e exposición pública á que está sometido o alcalde lucense, José López Orozco, e amósanlle o seu absoluto apoio co total convencemento da súa inocencia, unha vez máis, como xa se demostrou noutras ocasións anteriormente.
Os socialistas lucenses lembran que a situación de López Orozco non ten precedentes, cun comportamento sempre exemplar por parte do tamén presidente do PSdeG, que incluso declarou voluntariamente e sempre estivo a disposición da Xustiza para aclarar calquer punto. Esíxenlle aos responsables xudiciais que velen pola súa honorabilidade e o principio de presunción de inocencia, ademais de garantir o respecto ao segredo de sumario e evitar continuas filtracións interesadas, ao tempo que solicitan unha vez máis, que os procesos xudiciais se resolvan co maior rigor e o antes posible.
Desde o PSdeG censuran o espectáculo público no que se están a converter moitas accións xudiciais e lembran que estas situación fan un grave dano que se prolonga no tempo e que despois, sexa cal sexa a resolución, ten unha pegada inxusta e irreparable, polo que se suman á petición de amparo do rexedor lucense ante a titular do Xulgado número 3 de Lugo.