Feijóo prometeu dotar en 2011 ó hospital de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica, e non o fixo; e o PP de Lugo, primeiro votou en contra de iniciativas da oposición para reclamar estes servizos, e agora di que firmará para reclamalos. “Onde dixen digo, digo Diego. Esta é política da dereita”

Para o PSdeG, o anuncio da sala de Hemodinámica a tempo parcial “é insuficiente”. “O que queremos todos é que nos aseguren que imos ser atendidos no noso Hospital e non na Coruña ou en Santiago”, e esíxelle á Xunta que comprometa nos Orzamentos de 2014 estas prestacións

O PSdeG denuncia a “contradición clara” na que está a incorrer o Partido Popular ante a campaña de recollida de sinaturas co fin de presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para reclamar á Xunta de Galicia a implantación no Hospital Lucus Augusti dos servizos de Radioterapia, Hemodinámica as 24 horas e Medicina Nuclear. Para a deputada socialista no Parlamento Concepción Burgo, a ausencia dunha postura unánime do PP de Lugo con respecto a este asunto demóstrase cando, a pesares do forte respaldo social que está a recibir a iniciativa, xa secundada por máis de 25.000 persoas, cargos institucionais que ocupan un posto destacado neste partido aínda non materializaron o seu apoio cunha sinatura. “Onde está Barreiro?”, pregúntase a parlamentaria. A falta do senador e presidente provincial dos populares denota “a súa deslealdade cos lucenses e a escasa vontade do Partido Popular para blindar estas dotacións na provincia”, asegura.

Tamén deixa ó descuberto “a incoherencia e nula credibilidade” do PP que fose a “presión da cidadanía” a que forzase á dirección do partido a anunciar a súa firma a favor da ILP, e que o fagan despois de rexeitar diversas iniciativas da oposición, entre elas no Parlamento, encamiñadas a que a Xunta dote ó HULA dos servizos que Feijóo prometeu en febreiro de 2011. “Donde dixen digo, digo Diego. Esta é a maneira de facer política da dereita”, asegurou Concepción Burgo.

“A palabra de Feijóo non vale nada”
O presidente do Goberno galego anunciou de feito que o equipamento dos novos servizos do centro –Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica- sairían a licitación nese primeiro trimestre de 2011 e comprometeuse, segundo dixo literalmente, a que os pacientes “con doenzas de corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou a Coruña poderán ser atendidos no seu hospital de Lugo ó longo deste ano”. A día de hoxe, “aínda non temos nada. Iso é o que vale a palabra de Feijóo: nada”, subliñou Concepción Burgo.

Os socialistas din que o apoio que agora manifesta o PP á recollida de firmas para presentar unha ILP “é importante, pero insuficiente e chega tarde”, pois xa deberan amosar o seu respaldo incondicional dende o primeiro momento, “sen que a presión social os obrigara a cambiar de opinión”. Concepción Burgo asegura que esta actitude deixa “ben ás claras” que o Estado de Benestar, no que se inclúe a sanidade pública, non é unha asunto prioritario “na axenda política dos Gobernos do Partido Popular”. Por tanto, ante esta falta de vontade política, a deputada pregúntanse: “como o representante deste partido por Lugo en Madrid aínda non foi quen de apoiar esta iniciativa? O señor Barreiro queda ó descuberto. Agora virannos con desculpas, pero a realidade está clara: o Partido Popular non ten interese na saúde dos lucenses. Ata cando imos ter que ser a única provincia sen estas dotacións?

A sala de Hemodinámica a tempo parcial “é insuficiente”
A parlamentaria socialista tamén se referiu ó anuncio de que a sala de Hemodinámica comece a funcionar a tempo parcial a finais de novembro. Neste senso, considera que non só “chega tarde, senón que é insuficiente”, polo que urxe á Xunta de Galicia que garanta o seu funcionamento as 24 horas do día. “Está moi ben que nos digan que se van dando pasos, pero o que queremos todos os lucenses é que se temos que recibir un tratamento cardíaco nos aseguren que imos ser atendidos no noso Hospital e que non nos despracen a Coruña ou a Santiago”.

Compromiso nos Orzamentos de 2014
Así mesmo, e co obxectivo de rematar coa discriminación que padece a provincia en materia sanitaria, os socialistas reclámanlle, novamente, ó Goberno autonómico que asuma a súa responsabilidade e comprometa nos Orzamentos de 2014 a dotación deste servizos. Este incumprimento manifesto Executivo galego provoca que a provincia de Lugo se sitúe nunha posición claramente desfavorable, e que resulta incomprensible, sobre todo, porque o HULA cumpre todos os requisitos técnicos e humanos para poder albergar estas unidades.