Para o socialista lucense, Luis Álvarez, demostrouse que as diferenzas que Castiñeira e Enrique Rozas mostraron entre si, e que saíron á luz en diferentes Plenos, sempre estiveron marcadas por unha cuestión meramente económica
Subliña que nos queda claro que o modelo de Feijóo de bos xestores só funciona a base de canto me dás a cambio. Así se calan as desavenencias no PP de Lugo: comprándoas
Destaca que, mentras hai partidos que intentan solucionar os problemas vía debate, outros usan os cartos para calar as bocas máis críticas
O voceiro do PSdeG no Concello de Lugo, Luis Álvarez, ante a decisión do seu homólogo no Partido Popular, Jaime Castiñeira, de intentar dar por pechada a crise do PP en Lugo co feito de asignar parte da dedicación exclusiva á que renunciou o edil Arcadio Silvosa a Enrique Rozas, subliña que se demostrou que o único problema que había era o económico. O Partido Popular quitou a careta. Sinceramente, temos que lamentar que este sexa o prezo que o PP lle pon á nosa cidade: media dedicación exclusiva, afirmou.
Deste xeito, para o socialista, semella que as diferenzas que os populares mostraron entre si, e que saíron á luz en diferentes Plenos, sempre estiveron marcadas por unha cuestión meramente económica. E que fai o Partido Popular para tratar de arranxalas: sacar o talón e poñer cartos enriba da mesa. Así é como solucionan as cousas os membros do PP de Lugo, destaca.
Así mesmo, logo de que o voceiro dos populares descartase que este reparto teña que ver co desencontro acontecido con Rozas, cando este se ausentou da sesión plenaria para non votar a designación de Juan Carlos Plaza como conselleiro do Clube Deportivo Lugo, quédanos claro que o modelo de Feijóo de bos xestores só funciona a base de canto me dás a cambio. A este respecto, Álvarez denuncia que así se calan as desavenencias entre o PP de Lugo: comprándoas. Mentras hai partidos que intentan solucionar os problemas vía debate, outros usan os cartos para calar as bocas máis críticas, asegura.