Concepción Burgo solicitou no Parlamento que a administración autonómica concrete os motivos polos que aínda non se produciu a entrega, xa que o Concello de Lugo cumpriu escrupulosamente o convenio asinado coa Consellería, cedéndolle gratuitamente o inmoble en 2010

A parlamentaria acusa ó Executivo galego de desvincularse deste asunto, cando o único que falta e formalizar ante notario a recepción, o que impide a construción do Museo da Romanización e provoca que o edificio, declarado BIC, estea nunha situación de total abandono

Ante este “incumprimento manifesto” Burgo subliña que “non saben o que é a lealdade instucional”, xa que o Concello “nin pode, nin debe, nin é a súa obriga mantelo”

A deputada autonómica, Concepción Burgo, esixiu este venres no Parlamento galego á Xunta de Galicia que clarifique e concrete os motivos polos cales a administración autonómica aínda non asumiu o compromiso asumido co Concello de Lugo, referido á recepción do antigo Cuartel de San Fernando; edificio no que o Executivo galego ten previsto construír o Museo da Romanización de Lugo. Neste senso, a deputada demandou dos responsables autonómicos que lle expliquen a todos os lucenses por que continúan sen formalizar a entrega deste inmoble, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), cando o goberno municipal cumpriu escrupulosamente o compromiso asumido na sinatura do convenio entre ambas institucións en xullo de 2010, adquirindo o inmoble ó Ministerio de Defensa, “con diñeiro público” para que a administración autónomica se ocupase do seu mantemento.

A este respecto, Burgo subliñou que “o Concello cumpriu coa súa obriga. A Xunta, pola contra, non contestou a ningún requerimento do goberno municipal. O Cuartel está nun proceso total de abandono, e non sabemos por que está a acontecer esta situación, sobre todo porque as chaves do mesmo están nas mans da Consellería de Cultura”; departamento que, engadiu a Deputada, adxudicou en 2011 o proxecto e incluso realizou as catas oportunas. “Non entendemos por que a Xunta de Galicia non quere asinar todos os instrumentos legais, o que fai pensar que actúa de moi mala fe, e que se desentende deste Ben de Interese Cultural”.

“Non saben o que é a lealdade institucional”
Ante este incumprimento manifesto a parlamentaria socialista reiterou á Directora Xeral de Patrimonio que “non lle pregunto pola rehabilitación, esa é outra cuestión. Pregúntolle pola recepción porque o edificio ten uns gastos. Ou é que a estabilidade da Xunta non é suficiente para asumir os custes da sinatura? Existe un incumprimento claro da Consellería de Cultura deste compromiso que vostedes comprometeron e agora se desvinculan”.

Deste xeito, incidiu en que “o Concello nin pode, nin debe nin é a súa obriga mantelo. Quen está incumprindo é a Xunta de Galicia, pois xa foi cedido gratuitamente pola entidade local para o seu mantemento e rehabilitación. Requiro unha resposta concreta, e que nos digan cando van cumprir os compromisos asumidos cos Concellos porque vostedes non saben o que é a lealdade institucional”.

Neste senso, Burgo recriminoulle á Directora Xeral de Patrimonio que “non me diga nada do impacto da Muralla dígame o que lle pido. Teñen unha responsabilidade: coller, recibir e facerse cargo. Trátase dun compromiso impulsado polo anterior Goberno bipartito, quen o incorporou ó Patrimonio Arqueolóxico de Fraga, e que foi asumido tamén polo actual Executivo galego xa no anterior mandato”, concluíu.