“Como lucense, parlamentario e membro do partido que goberna Galicia, debería conseguir proxectos reais e recursos económicos para Lugo, se de verdade lle importasen os veciños e as súas necesidades”
“Cero euros dos Gobernos do PP para a intermodal, a Ronda Leste, Hemodinámica 24 horas ou o barrio da Residencia. Donde está Castiñeira?”, pregúntanse os socialistas
O grupo municipal do PSdeG cualificou de “partidismo inxustificable” que o voceiro do Partido Popular, Jaime Castiñeira, aproveitase o acto social e deportivo co que un club da cidade abriu a tempada a pasada fin de semana para “vender, sen o máis mínimo pudor, o seu programa electoral e as supostas ideas para a piscina de Frigsa”. Os socialistas instan a Castiñeira a abandonar “o oportunismo, as palabras baleiras e os compromisos incumpridos” e esixir á Xunta de Galicia unha proposta de cofinanciación para cubrir as piscinas, un proxecto no que o Goberno local socialista xa está a traballar.
“Como lucense, deputado no Parlamento e membro do partido que goberna Galicia, debería situarse do lado dos veciños e conseguir proxectos reais e recursos económicos para Lugo. Iso demostraría que lle importan de verdade os lucenses, os seus problemas e necesidades”.
Todo indica o contrario, subliñou o grupo municipal do PSdeG, pois os Gobernos do PP “consignaron cero euros para a estación intermodal e a mellora dos servizos ferroviarios en Lugo, cero euros para a Ronda Leste, Hemodinámica 24 horas ou para dotación de servizos ao barrio da Residencia, todas promesas do Partido Popular antes das eleccións e nunca cumpridas. Donde está Castiñeira?”