A secretaria xeral local, Ana González Abelleira, considera intolerable esta viaxe sen xustificación a unha nación “esclavista e onde se discriminan ás mulleres, aos migrantes e ás persoas LGTBIQ +, entre outros colectivos”.
“É intolerable e humillante para calquera lucense que o xefe de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Cadramón, acoda á celebración dun mundial nun país onde se vulneran a diario os dereitos fundamentais da poboación e onde nin sequera existe unha representación deportiva lucense”. Así valorou a secretaria xeral do PSOE de Lugo, Ana Abelleira, dita viaxe.
Neste senso, lembrou que este país arábigo está a vulnerar os dereitos humanos de numerosos colectivos, como son os traballadores e traballadoras das obras do mundial, onde se calcula que 6.500 faleceron polas condicións esclavistas, “pero tamén falamos de violacións dos dereitos das mulleres e de minorías como migrantes e membros do colectivo LGTBIQ+”, sostivo.
Neste senso, cualificou de enorme gravidade que esta viaxe a realice, ademais, o día despois do 25N, Día Internacional contra a Violencia contra a Muller, apoiando a celebración dun campionato nunha nación onde as violencias machistas se viven no día a día, xa que as mulleres sofren graves restricións discriminatorias que chegan incluso a afectar a súa independencia para casarse, estudar, traballar e mesmo viaxar”.
A secretaria xeral tamén critica que o Partido Popular de Lugo cale ante esta viaxe, e destaca que desde “o PSdeG estamos a impulsar desde o Concello políticas públicas para acadar unha igualdade de dereitos real, tamén no deporte, e resulta especialmente triste ver que outras Administracións manden sen ningún tipo de xustificación representantes a este mundial”.