Este recurso ten sido presentado no marco dunha campaña iniciada polos socialistas en todo o Estado para impulsar recursos inconstitucionalidade nos concellos e en cada un dos parlamentos autonómicos

O portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Luis Méndez Romeu, anunciou que a próxima sesión plenaria comezará co debate dunha proposta socialista para presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a reforma da Lei de administración local. Así o dixo logo da reunión da Xunta de portavoces que fixou a orde do día do próximo Pleno.

Méndez Romeu explicou que o recurso que solicitan os socialistas galegos vén motivado pola invasión de competencias autonómicas e municipais da denominada como Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local. Sinala que a norma “cambia o municipalismo” dunha tacada reducindo a capacidade e competencias dos concellos e incrementando as das deputacións provinciais.

Explicou que este recurso ten sido presentado no marco dunha campaña iniciada polos socialistas en todo o Estado para impulsar recursos inconstitucionalidade en centos de concellos de Galicia e en cada un dos parlamentos autonómicos.

O Pleno incluirá tamén unha interpelación sobre a futura axencia que substituirá o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, nunha operación coa que o goberno galego quere, dixo, “expropiarlle aos concellos as competencias en materia de Seguridade Social”. Explicou que Feijóo quere retirarlle as competencias que eran prestadas polos concellos a través do Consorcio para cedérllelas a un novo organismo.

Explicou que os socialistas utilizarán a sesión de control ao presidente da Xunta para preguntarlle a Feijóo polas súas xestións diante dos incumprimentos dos compromisos acadados polo goberno central con Galicia.