O secretario xeral lucense, Luis Álvarez, lamenta asimesmo as desafortunadas coincidencias dos tempos xudiciais cos políticos e lembra que os xulgados xa arquivaron causas contra o alcalde lucense ata en dúas ocasións
A Executiva Local do PSdeG-PSOE de Lugo asegura estar xa farta da insostible situación e a continuada presión e exposición pública á que está sometido o alcalde lucense, José López Orozco. A situación xudicial que está a vivir xa sobrepasa os límites do comprensible, censura o secretario xeral, Luis Álvarez, que destaca o absoluto apoio ao rexedor e o total convencemento da súa inocencia, unha vez máis, como xa se demostrou ata en dúas ocasións anteriormente.
Álvarez lembra que a situación de López Orozco non ten precedentes, cun total de cinco imputacións acumuladas, dúas delas xa arquivadas polos xulgados número dous e tres de Lugo, e outras tres abertas con esta última da Operación Pokemon. Nunha delas a Fiscalía xa manifestou ata en dúas ocasións que non ve delito, destaca Álvarez, e noutra foi imputada nada menos que toda a Xunta de Goberno Local. Con respecto á coñecida hoxe, recorda que o propio Orozco púxose a disposición da xuíza voluntariamente e ata o ratificou no seu despacho, pero ela non lle tomou declaración e agora anuncia a imputación.
Desde a Executiva Local lamentan asimesmo as desafortunadas coincidencias que teñen lugar en todos estes casos. A esas coincidencias no período electoral súmase que a última imputación se coñeceu o día anterior do Pleno do Parlamento, e Orozco terá que declarar o día do debate do estado do Concello, un dos días de máxima responsabilidade para un alcalde. Por outra banda, os socialistas afirman que respectan a labor da xustiza e sempre están a disposición para ofrecer datos e documentos, pero inciden na absoluta necesidade de que os procesos, unha vez abertos, sexan resoltos de forma áxil, porque do contrario fan un grave dano que se prolonga no tempo e que despois, sexa cal sexa a resolución, ten unha pegada inxusta e irreparable, como xa sucedeu en dúas ocasións con López Orozco.