As contas da Sociedade revelan que en 2013 tivo un 85% menos de caída de beneficios na previsión realizada pola administración autonómica. Ante tal desfase, solicitan que se realice unha avaliación seria e rigorosa, a través dunha auditoría externa que recolla a súa situación real económica e, no caso de seguir mantendo a suba, que esta se estableza a taxa en función da realidade económico-financieira da Sociedade
Os alcaldes do PSOE esixiron este martes á Xunta de Galicia a supresión do incremento do canon de Sogama, de tal xeito que este se estableza na contía anterior, é dicir, nos 61,5 euros (IVE incluído) e, no caso de non querer facelo, que este se estableza en función da realidade económico-financieira da Sociedade. Os socialistas adoptaron esta posición, logo de que coñecer que as contas de Sogama demostran que os motivos cos que o Goberno galego xustificou o incremento do 34% da taxa agochan a intencionalidade de xerar un beneficio esaxerado e innecesario para a empresa pública Gas Natural; entidade que, na actualidade, ten o 49% da participación da Sociedade.
A administración autonómica, propietaria do 51% de Sogama, incluíu no Orzamento de 2014 o Plan de Viabilidade da Sociedade Galega de Medio Ambiente, anunciando que remataría o pasado exercicio cunhas perdas millonarias. Esta previsión foi o que amparou a decisión do Goberno galego de subir o canon polo tratamento do lixo nun 33,4%, e pasar de 61,5 a 82,10 euros por tonelada (IVE incluído), e que para os cidadáns da provincia de Lugo supón un custo anual de 1,7 millóns de euros.
Pero, agora sóubose que, dos 4 millóns de euros que Sogama calculaba perder o pasado ano, as perdas non sumaron nin un millón desta taxa (614.037 euros. É dicir, a Sociedade tivo un 85% menos de caída de beneficios na previsión realizada pola administración autonómica. Ante tal desfase, os socialistas consideran que o Executivo de Feijóo ten que actuar, pois non é preceptivo este incremento esaxerado, demostrándose que a situación económica desta entidade, e que apoiou e defendeu a Xunta, non se axusta á realidade da súa situación financieira.
Avaliación seria e rigorosa
Deste xeito, e porque non foron capaces nin tan sequera de facer unha previsión do desenvolvemento económico, o Partido Socialista solicita que se realice unha avaliación seria e rigorosa, a través dunha auditoría externa que recolla a situación real económica de Sogama. Asimesmo, e dado que o canon recae directamente no peto do cidadáns e forma parte do empeño da Xunta de timar aos concellos para paliar a deficiente xestión de entidades coma esta, piden que na aplicación do mesmo non se teña en conta os préstamos subrogados, e a taxa se estableza en función da realidade económico-financieira e sen enganos.
O que cómpre neste caso é que o Executivo de Feijóo e Gas Natural procedan a facer unha ampliación de capital da Sociedade polo importe dos préstamos que permita a súa devolución sen necesidade de cargarlla ás entidades locais e aos veciños. Estes créditos superan os 25 millóns de euros. Destes, a administración galega achegou máis de 13 millóns e Gas Natural 12,6.