Será o principal escaparate informativo para seguir a actividade dos socialistas durante a campaña electoral

López Orozco séntese animado pola suba de votantes que lles atribúe a enquisa electoral

José López Orozco, cabeza de lista da candidatura socialista á Alcaldía de Lugo, e Adrián Vázquez Fernández, secretario de formación do PSdeG-PSOE lucense e membro da lista, presentaron hoxe a renovación da web www.psoelugo.com, que en palabras de López Orozco será o “vehículo de comunicación para os medios e para que a veciñanza lucense saiba, estea onde estea, o que está acontecendo en Lugo”.

A nova web, que foi desenvolvida pola empresa Lugonet, é accesible e responsive, polo que se adapta a tódolos dispositivos, tanto móbiles como ordenadores ou tabletas e, deste xeito, permite o acceso á información de toda a cidadanía. Será a principal fiestra de información sobre a candidatura socialista ós comicios municipais do próximo 24 de maio. A través da web dará a coñecerse o programa electoral, as citas da precampaña e campaña e os vídeos de presentación das persoas que integran a lista encabezada por López Orozco; a súa gravación xa está dispoñible na web. Ademais, www.psoelugo.com inclúe un punto específico de Transparencia, no que figura o compromiso ético de López Orozco e a súa declaración de rendas, bens e intereses.
As enquisas animan a seguir traballando

En referencia á última enquisa publicada sobre intención de voto nas eleccións municipais, López Orozco sinala que estas sondaxes miden a temperatura social nun momento determinado e que lle “preocupa a alta abstención; un 36% é moito pero, por outro lado, estou animado porque reflicte que o Partido Popular baixa e o Partido Socialista sobe”. Para o candidato socialista á Alcaldía de Lugo, os resultados da enquisa animan a traballar para conseguir o voto dos indecisos para convencelos de que o Partido Socialista foi quen estivo e está coa xente.

López Orozco, tamén destacou a pouca valoración persoal de Castiñeira: “non me estraña porque se equivocou de raíz facendo unha oposición agresiva porque a xente o que quere son solucións para os seus problemas e, en segundo lugar, cando xurdiron os problemas en Lugo como as preferentes, problemas cos traballadores da cidade, problemas de saúde como a Hemodinámica, o señor Castiñeira non estivo coa cidade e cos lucenses senón que estivo defendendo os intereses da Xunta de Galicia en contra de Lugo. Por iso, a sondaxe o que me di é “traballo, traballo e traballo porque hai moita xente que espera as nosas propostas, ilusión e traballo”.

Preguntado polos posibles pactos, López Orozco afirmou que “nin o penso” porque quere unha maioría suficiente que permita gobernar, malia que, “primeiro que falen os lucenses e as lucenses. Cando falen haberá que buscar a solución”.