O Alcalde, José López Orozco, e a deputada autonómica, Concepción Burgo, sumáronse ás concentracións convocadas por este colectivo en Lugo

Dado que o 13 de novembro se cumpriron once anos dende que uns 1.600 quilómetros das costas galegas e do Cantábrico se tinguiron de chapapote, e logo de que estes días se coñecese a resolución do TSXG, esta mesma semana os socialistas tamén pediron no Parlamento que a Xunta concretase as súas actuacións ante esta sentenza

O PSdeG-PSOE participou este domingo activamente nas manifestacións convocadas para o día de hoxe pola plataforma Nunca Máis en protesta pola sentenza do Prestige. Deste xeito, o Alcalde, José López Orozco, e a deputada autonómica, Concepción Burgo, sumáronse á concentración de Lugo.

Pasaron once anos
O 13 de novembro cumpríronse once anos dende que uns 1.600 kilómetros das costas galegas, e do Cantábrico, foron alicatadas de chapapote. Na súa limpeza participaron preto de 30.000 mariñeiros, ademais de mariscadores dannificados e dunha movilización humana e de medios sen precedentes, formada por uns 120.000 voluntarios.

E para respostar de todo isto, outro 13 de novembro, neste caso de 2012, sentaronse no banquiño dos acusados da Audiencia de A Coruña tres xubilados de máis de setenta anos: o capitán do barco -Apóstolos Mangouras-, o seu xefe de máquinas -Nikolaos Argyropoulos-, e o exdirector da Marina Mercante do Goberno de Aznar -José Luis López-Sors-.

A sentenza deuse a coñecer esta mesma semana, pero non convence ós socialistas; feito que motiva que apoiasen decididamente ós convocantes das concentracións. Deste xeito, dende o PSdeG-PSOE considérase que dito documento transmite “por unha banda, unha mensaxe de impunidade total para as empresas armadoras en relación co estado dos buques que fletan e, por outra, incluso obriga a devolver os 22 millóns de euros que a aseguradora da armadora tiña consignados, e daba por perdidos, para pagar posibles responsabilidades”. Deste xeito, subliñan que “sae caro o conto porque todas as indemnizacións e a reparación do dano ambiental realizados no seu día van correr a cargo das arcas públicas. O sentir na rúa con esta sentenza é de desconcerto, de decepción e mesmo de estafa”.

Volven estar no Goberno
Curiosamente, lembran os socialistas, os responsables de xestionar todo aquelo, a maior marea negra de Europa, volven estar no Goberno, o señor Cañete, Ministro de Pesca naquel entón, é agora Ministro de Pesca e Medio Ambiente; o Delegado do Goberno, Fernández de Mesa, que dicía a aquelo de que lo alejen a 120 millas y después no es problema nuestro, é o Director xeral da Guardia Civil; e aquel vicepresidente que se consagrou con aquelo dos hilillos de plastilina é na actualidade o presidente.

Explicacións no Parlamento
Ante esta situación, e tendo en conta que a sentenza deixa a Galicia sen culpables da catástrofe e sen responsables dos danos económicos, o Grupo Parlamentario Socialista reclamou esta mesma semana no Parlamento explicacións á Xunta de Galicia sobre que ten pensado facer o Goberno Galego neste asunto, xa que “a sociedade o que espera dos seus gobernantes nos momentos críticos, nos momentos onde é preciso unha acción firme e decidida, é que estean á altura das circunstancias”.

Neste senso, tal e como plantexaron na Cámara, temen que a solución da administración autonómica “sexa propoñer un recurso de perfil baixo orientado unicamente a resarcir a responsabilidade civil e non a cuestionar as decisións troncais do fallo. Non pode ser que lle mandemos esa mensaxe de impunidade á sociedade galega que só serve para contribuír ao descrédito das institucións, de tal xeito que, estas políticas converterán a este país nun lugar onde enviar un tweet pode custar 600.000 euros pero pasear, marear e fundir un petroleiro coas consecuencias por todos sabidas, sae gratis”.