A socialista Concepción Burgo esixe que “tramiten de inmediato” a iniciativa asinada por máis de 40.000 lucenses, paralizada desde xullo, porque “é unha cuestión de dereitos básicos”

A deputada socialista Concepción Burgo esíxelle á Xunta que “acabe coa demora intencionada” na tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular para dotar o HULA dos servizos de Radioterapia e Hemodinámica as 24 horas, e que “tramite de inmediato unha lei que recordamos foi respaldada por máis de 40.000 sinaturas e coa aprobación unánime do Parlamento”. Do contrario, afirma Burgo, “teremos que pensar que a verdadeira intención é aplazar o trámite ata despois das eleccións municipais para non destapar un novo engano de Feijóo aos lucenses e ter que dicirlles aos veciños que o segue a consideralos galegos de segunda”.

A socialista lembra que o PP constituíu unha ponencia no Parlamento que se reuniu no mes de xullo “para que parecese que algo se movía e aplacar as críticas” e desde entón o tema está aparcado. “Agora din que queren crear un comité de expertos noutra estratexia de dilación, pero isto é unha cuestión de dereitos básicos das persoas”, afirma Burgo, que lembra que as principais asociacións de especialistas e profesionais xa advertiron da necesidade destes servizos para unha asistencia sanitaria que garanta a protección da vida das persoas en igualdade co resto de provincias galegas. A socialista apunta ademais que todas estas opinións de expertos xa foron integradas polos veciños na propia ILP que foi presentada na Cámara galega.

“Primeiro aproban a iniciativa no Parlamento e agora din que non, que hai que volver a consultar o tema; isto dá que pensar sobre se a aprobación do PP foi realmente por un compromiso firme con Lugo ou por non perder votos”, lamenta a deputada. Por outra banda, Burgo advirte de que o PP presentará unhas emendas á ILP dos veciños que “distorsionan e rebaixan de feito significativo as súas reclamacións”, e “ese pode ser o motivo real de que busquen demorar no tempo a tramitación”. A socialista pregúntase se “terán a indecencia de non facer nada e meterse noutra campaña electoral prometendo por enésima vez o mesmo”, e lémbralle a Feijóo que “os lucenses non son parvos e xa van tendo a sensación de que a súa palabra non vale nada”.