Francisco Fraga salientou a importancia de que o circuito de velocidade de Galicia se faga en Lugo como xeradora de emprego e activación do sector turístico

Os membros da candidatura, José Manuel Grandío e Francisco Fraga, presentaron novos puntos, en materia de deporte, do programa electoral co que concorre o PSdG-PSOE Lugo nas próximas eleccións.

Neste sentido, o partido socialista aposta pola actividade deportiva vinculada á creación de emprego e a mellora da calidade de vida dos lucenses como motor económico. Unha das propostas é a transformación do vello vertedoiro de Teixeiro, hoxe en desuso, nun área de deportes a motor, tanto para coches, motos e motocross. “A idea é crear un amplo espazo no que se respetan as elevacións do propio terreo para a práctica deste deporte e conseguir a homologación para poder dar cobertura a competicións rexionais, nacionais e incluso internacionais” segundo manifestou José Manuel Díaz Grandío.

Díaz Grandío salientou a importante repercusión económica que terá para a cidade xa que “conta cunha gran influencia no sector da hostelería e de servizos porque move unha cantidade importante de afecionados. Ademais debemos contar cos postos de traballo que creará na súa construción e, máis tarde, a súa explotación.”

O deporte como fonte de economía co Circuíto Galego de Velocidade

Por outra parte, Francisco Fraga López, número catro da candidatura socialista, presentou a proposta para solicitar que a se faga en Lugo o Circuíto de Velocidade de Galicia. Para Francisco Fraga “Lugo é unha cidade con moita tradición no mundo do motor, motivo que nos levou a pensar na necesidade de que a Xunta cre en nesta cidade o Circuíto Galego xa que somos unha das poucas autonomías que non conta con un.”

Fraga López lembrou que “ademais sería unha infraestrutura importante a nivel económico e turístico xa que son milleiros os amantes do motor que van de circuíto en circuíto para desfrutar da súa afeción, solo hai que ver a cantidade de persoas que se reúnen en Xerez”.

Este tipo de deporte move a grandes cantidades de persoas polo que tamén conseguimos que se xere e manteña emprego na cidade, e que se dinamice a economía fortalecendo o sector servizos. Ademais está demostrado que un circuíto de velocidade ten un gran potencial turístico, no que normalmente o maior número de clientes é fora de temporada alta.