Lino González Dopeso destacou a aposta polo medio ambiente e o turismo, fomentando e recuperando as ribeiras do Miño e do Rato

Os membros da candidatura, Lino González Dopeso e Esther Muñoz Mella, presentaron algunhas das propostas, en materia de medioambiente, do programa electoral co que concorre o PSdG-PSOE de Lugo nas próximas eleccións.

Neste sentido, o partido socialista comprométese a que Concello e Deputación de Lugo desenvolvan o Plan Director do Río Miño e o Rato como medida de promoción económica e turística nas ribeiras de ambos ríos. Así, destacou a importancia que ten a posta en valor destas zonas verdes e que poden ser outro atractivo para visitar Lugo, completando todo o paseo do Miño e o anel histórico que supón a Muralla Romana. Desta maneira, segundo os socialistas, conseguirase un paseo fluvial de máis de 8 quilómetros, onde os lucenses e visitantes poidan desenvolver actividades ao aire libre e practicar diversos deportes en contacto coa natureza.

Iluminación suave do entorno do Rato
En palabras de Lino González, o Plan Director no Concello de Lugo, vai supoñer a creación de varias instalacións nas ribeiras do Miño como un canil, dous parques infantís e unha zona de pesca para persoas con diversidade funcional. Ademais de traballar no que é a ampliación de sendeiros e mellora da sinalización dos mesmos e a iluminación do paseo do Río Rato. Neste caso, vaise respectar o entorno e os puntos de luz serán de baixo consumo e cun mínimo impacto paisaxístico.

Museo da Auga e Escola de Pesca
González Dopeso presentou a creación dun Museo dos usos da Auga e unha Escola de Pesca nas instalacións da antiga potabilizadora, “onde se atopan pezas cun alto valor histórico”. Con estas dúas apostas completamos a rede museística da cidade dende un punto de vista medioambiental, onde os visitantes poderán coñecer as diferentes formas de tratamento e abastecemento de auga dende os comezos da cidade.

Unha cidade que avanza e se moderniza debe facelo sempre pensando en que mellore a calidade de vida da súa xente. As zonas verdes e a recuperación de espazos que caen en desuso forma parte desta idea de mellora continúa coa que traballan o equipo de López Orozco.

Para os socialistas, o aproveitamento de edificios construídos é esencial para a recuperación dunha zona, sobre todo nun momento de dificultades económicas no que todos temos que optar por facer máis con menos. Desta maneira, Lino González, puxo como exemplo de xestión irresponsable “o que pasa na vella Residencia, xa que a Xunta debería aprender de nós e recuperar os edificios con novas actividades antes de que caian. Que mellor maneira de recuperar o edificio do antigo hospital que unha nova residencia de maiores, que ademais permitiría a creación de postos de traballo”.

A Escola de Pesca tamén é unha oportunidade para os amantes deste deporte e para que os lucenses que o desexen aprendan o arte da pesca. Lino González destacou estas propostas como unha oportunidade para a creación de emprego nas novas instalacións e como reclamo turístico para a zona