Unha das propostas é a creación dun convenio con Santiago e A Coruña para desenvolver un bono cultural de “Cidades Patrimonio Mundial”.

Díaz Grandío salientou a falta de compromiso da Xunta para abrir os Museos de San Roque e o de Santa Eulalia de Bóveda.

Os membros da candidatura, Sonia Méndez, José Manuel Grandío e Francisco Fraga, presentaron novos puntos, en materia de turismo e emprego, do programa electoral co que concorre o PSdG-PSOE Lugo ás eleccións do 22 de maio.

Neste sentido, o partido socialista aposta pola formación de mozos e mozas, e creación de empresas do sector cultural e turístico, a través das axudas do Plan Urban e do viveiro de empresas do CEI, como remarcou a número 3 da candidatura, Sonia Méndez: “consideramos que o turismo vai ter moita importancia dende o punto de vista da creación de emprego e empresas e para que as persoas que nos visitan deixen ingresos na cidade”.

Para os socialistas a nosa historia é unha oportunidade económica, e o turismo un sector fundamental para o desenvolvemento económico da cidade. Sonia Méndez tamén destacou que “imos formar a persoas desempregadas en temas relacionados cos sectores do turismo e a industria cultural, e do sector audiovisual ou de artes gráficas. Propiciaremos a creación de empresas dende o CEI onde se poderán aloxar nos primeiros anos pero sen esquecer que as que o fagan no centro histórico terán axudas do Plan Urban. Co que se propicia a creación de emprego e empresas.”

Outra das medidas anunciadas polos socialistas lucenses, é recuperar os valores históricos da cidade como salientou Sonia Méndez “unha pata fundamental é o turismo cultural, como as fiestras arqueolóxicas, coas que se fará un circuíto por todas elas, non só no centro histórico senón noutros xacementos como o da Piringalla.”

Os puntos fortes do turismo
José Manuel Díaz Grandío centrouse nas propostas máis concretas en materia de turismo, así salientou que “son catro puntos fundamentais nos que vamos afondar: o turismo gastronómico, o cultural e relixioso, o natural e o deporte.” Díaz Grandío destacou a aposta que se fixo dende o goberno de José López Orozco por fomentar o deporte na cidade e afirmou que se seguirá facendo porque xera negocio e postos de traballo.

En materia de turismo cultural-relixioso apostou por seguir coa promoción da Semana Santa lucense, da que en breve haberá novidades, e, destacou, “a creación dun convenio coas cidades de A Coruña e Santiago para facer un bono Cidades Patrimonio Mundial que favorecerá o fluxo de turistas entre ditas cidades.”

Falta de compromiso da Xunta
Díaz Grandío solicitou a colaboración doutras institucións e “agardamos que as outras administracións se presten a colaborar e non pase como o que pasa co Museo de Santa Eulalia de Bóveda que permanece pechado en periodos vacacionais e fins de semana.”

Da mesma maneira, o socialista lucense, fixo referencia a que “pasa o mesmo co Museo de San Roque que agora di o PP que como nós cobramos as entradas somos nós os propietarios.” E aclarou a situación -lembremos que o edificio nunca foi recibido polo Concello- co seguinte exemplo, “por esta norma nun cine por moitas entradas que vendan os donos, se o inmoble non é deles non poden acometer obras xa que o responsable é o propietario.”

José Manuel Díaz Grandío exemplificou a falta de compromiso da Xunta con Lugo citando o caso da Fonte da Pinguela “que me da a min que a Xunta non se vai involucrar”, Grandío lembrou que López Orozco xa anunciou que dende o Concello se acometerán as reformas necesarias se a Xunta non responde.