Ricardo Varela asegura, ante as declaracións realizadas polo presidente do PP que “o que ten que facer o Sr. Barreiro é deixar de preocuparse polos asuntos do PSOE e centrarse non intereses de Lugo. Debería amosarse preocupado polo estado da intermodal, do AVE, da Autovía Lugo-Santigo que segue paralizada ou polas empresas que están pechando na provincia”

Subliña que o que realmente lle inqueda ó senador popular “é que os socialistas teñen unha estratexia política clara e baseada na unidade”, polo que lle pide que “deixe de buscar enfrontamentos onde non os hai, porque para problemas os que ten Rajoy co ex Presidente Aznar, ou el mesmo co señor Feijóo”

Con respecto, ós problemas territoriais que plantexa o voceiro do PP, destaca que “se hai un Partido en España que uniu e vertebrou o territorio ese é o PSOE”

Ante as declaracións realizadas polo presidente do Partido Popular e voceiro do grupo popular no Senado, Ricardo Varela subliña que “o que ten que facer o señor Barreiro é deixar de preocuparse polos asuntos do PSOE. Debería ser responsable e centrarse algo máis nos intereses de Lugo”. Neste senso, asegura que o senador popular “tivo a oportunidade de que esta provincia fose protagonista nos Orzamentos do Estado para o vindeiro ano, pero, sen embargo, non só non o fixo, senón que, coa súa complicidade e o seu silencio, permite este castigo permanente ó que están sometidos os lucenses dende que goberna o Partido Popular”.

Por tanto, o socialista conclúe que o senador popular “debería de inquedarse polo estado da estación intermodal, da Autovía Lugo-Santiago que está totalmente paralizada, polo peche de Alimentos Lácteos, pola crise de Cementos Cosmos ou de Sargadelos, así como dos problemas que teñen outras empresas na provincia. Isto é o que realmente lle ten que interesar porque isto é o que realmente lle interesa ós lucenses”.

“Para enfrontamentos os do seu Partido”
Así mesmo, Ricardo Varela subliña que “o que realmente lle molesta ó voceiro do PP é que o PSOE teña unha estratexia política clara e baseada na unidade”. Por iso, pídelle a José Manuel Barreiro que “deixe de buscar enfrontamentos onde non os hai, porque para problemas internos os do Partido Popular. Non hai máis que ver a relación que ten Rajoy co ex Presidente Aznar, ou a del mesmo coa do Sr. Feijóo, que xa é vox populi en Galicia…”.

Problema territorial
Deste xeito, o senador socialista engade que, outro exemplo da “crise interna dos populares”, é que nas Comunidades onde gobernan, non son capaces de poñerse de acordo no modelo de financiamento. A este respecto, lémbralle a Barreiro que “se hai un Partido en España que uniu e vertebrou o territorio ese é o PSOE. O Partido Popular dedicouse durante anos a xerar enfrontamentos e odio entre as comunidades, exacerbando o sentimento nacionalista e o distanciamento co resto de España”.

Neste senso, pregúntalle “que estaría pasando hoxe en Cataluña se o PP non houbese afogado co seu recurso no Constitucional a vía do novo Estatut. Sinxelamente, nada. A presión tería unha válvula de escape política e a sociedade catalana sentiríase atendida. Os problemas de hoxe son froito da torpeza e o electoralismo dun Partido sen sentido de estado”, concluíu.

“A Barreiro dóelle que o PSOE teña un proxecto claro”
Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas da provincia de Lugo, Juan Carlos González Santín, mantén a mesma postura que a indicada no día de onte. Neste senso, reitera que a conferencia política desta semana serviu para configurar un novo proxecto que será capaz de dar resposta ás necesidades dos cidadáns.

A este respecto, engade que “o que lle molesta ó Partido Popular é que por o PSOE está máis unido e cohesionado ca nunca; feito que nos está a converter na alternativa para poñer coto ós fortes ataques que o PP veu perpetrando nos últimos meses contra os cidadáns. Isto é precisamente o que motiva as declaracións do señor Barreiro. Hoxe os españois, os galegos e os lucenses pagamos máis impostos ca nunca. Todoso lembramos a famosa foto na que o Sr. Rajoy e a Sra. Esperanza Aguirre aseguraban que non ían subir o IVA…. Temos máis paro ca nunca, temos unha peor Educación e Sanidade públicas… A Barreiro dóelle que o PSOE teña un proxecto claro e que todos camiñemos na mesma dirección”.