Entre as propostas do programa electoral socialista están a posta en marcha dun portal de participación e a creación dunha oficina cidadá no Congreso dos Deputados
O programa electoral do PSOE para as próximas eleccións xerais do 20 de decembro recolle distintas propostas que apostan por un goberno aberto para acadar unha democracia máis transparente e participativa.
Impulsarase desde idades temperás unha cultura da participación a través da materia de educación para a cidadanía, así como fomentando o voluntariado e a acción civil. Tamén se impulsará un Marco Estatal de apoios e axudas ao Terceiro Sector de Acción Social.
Incorporarase o Goberno Aberto nos temarios obrigatorios para o acceso á función pública e estableceranse programas de formación continua do funcionariado. Tamén se modificará a actual Lei de Transparencia para solucionar as deficiencias técnicas que presenta.
Farase do Portal de Transparencia un verdadeiro portal de Goberno Aberto cos arquivos en formatos máis accesibles. Facilitarase o acceso aos datos de maneira automática e desasistida.
Entre as medidas máis destacadas atópase a aprobación dunha Lei de participación cidadá e a creación dun portal específico dentro da plataforma de Goberno Aberto, que funcionará como unha canle para recibir dunha forma directa a opinión da cidadanía.
Ademais potenciarase a iniciativa lexislativa popular reducindo a 300.000 o número de sinaturas requiridas para a súa presentación. Crearase, así mesmo, a Oficina Cidadá no Congreso dos Deputados, o denominado Deputado e Deputada 351, a fin de canalizar a participación e a colaboración da cidadanía coas cámaras.