O senador lucense, Ricardo Varela, asegura que se viu obrigado a realizar este trámite logo de que o Partido Popular confirmase na Cámara Alta que o Executivo estatal non dispón de ningunha previsión para a presentación inmediata do proxecto desta infraestrutura

Subraia que “o outro día instamos ó Ministerio a acatar as cláusulas de temporalidade establecidas no concurso. O PP opúxose á nosa petición, polo que se está incumprindo a legalidade contemplada na adxudicación. Cremos que esta reivindicación é xusta, pois esta desvinculación é, ademais, a antesala de que o AVE non chegue a Lugo”

O senador lucense, Ricardo Varela, vén de rexitrar na Cámara Alta unha solicitude, a través da que o Grupo Parlamentario Socialista pide ó Goberno Central o expediente completo da Intermodal de Lugo. Ricardo Varela, asegura, que se viu obrigado a realizar este trámite logo de que o Partido Popular ratificase este mércores, no Senado, que o Executivo estatal non ten ningunha previsión para a presentación inmediata do proxecto de construción desta infraestrutura e, moito menos, de que dispoña dunha data para o remate das obras.

Tendo en conta, por tanto, a falla de compromiso e de vontade política dos populares, o senador quere deixar claro o seguinte: “nós non pedimos que se fixen prazos, o que esiximos é que se cumpran os tempos marcados na adxudicación do concurso. Por este motivo, e sabedores de que estes están sobrepasados, sen que se houbese feito algo nos últimos trinta meses, pedín que se nos facilite a documentación. Aí é onde poderemos comprobar que o convenio asinado en 2011 marcaba en dous anos e tres meses o tope para facer público o proxecto”.

Cronograma do concurso
Co protocolo asinado en agosto de 2010 –un ano antes de que se puxese en marchar o estudo de construción- dábase o primeiro paso para a execución desta infraestrutura, o que impulsou a incorporación de Lugo á rede ferroviaria de alta velocidade e constituíu unha iniciativa estratéxica para o desenvolvemento territorial e económico de Galicia, garantindo a mobilidade dos cidadáns.

En outubro dese mesmo ano (2010), licitouse o concurso da redacción do proxecto básico por importe de 771.000 euros. Posteriormente, en abril de 2011, adxudicouse o documento por valor de 626.301 euros, establecéndose o prazo máximo de 27 meses para presentalo. Esta decisión viña motivada por unha dobre razón, por unha banda, habilitar unha estación de ferrocarril adaptada e adecuada para o tren de Alta Velocidade que previsibilimente estará en uso proximamente e, pola outra, concentrar nun só punto as instalacións de transportes de viaxeiros dispersas na actualidade na cidade, facilitando en boa medida a eliminación do “tallo”, que hoxe supón a estación de RENFE en Lugo, e en toda a zona norte.

“Aquí non hai trampa nin cartón. O Goberno terá que facilitarnos esta documentación. Cumpriuse sobradamente este tempo pero, a día de hoxe, non só non hai nada feito, senón que, como todos puidemos comprobar, o Partido Popular oponse claramente a que se cumpran as cláusulas de temporalidade incluídas no convenio; acordo que, por certo, non podemos esquecer que contou co visto e prace do Ministerio, da Xunta e do Concello de Lugo”, apuntou Ricardo Varela.

Preocupación polo anuncio da Ministra
Así mesmo, o socialista asegura que, esta solicitude tamén vén motivada, polo recente anuncio da Ministra de Fomento de construír unha conexión rápida que conecte Lugo con Ourense. Deste xeito, reitera a súa preocupación por esta decisión, xa que “é a antesala da desaparición de calquera posibilidade de que o AVE chegue a esta provincia”.