A deputada no Congreso e o senador subliñan que os Orzamentos confirman o que vimos denunciando durante todo o ano, a raíz da supresión da Intermodal, pois nas contas que nos presentan nin tan sequera aparece. É dicir, que o PP provoca que Lugo quede sen AVE definitivamente
O Plan de supresión dos pasos a nivel, que tiña unha proxección para 2015 de 10.615.000 euros desaparece; os investimentos para as A-56 e A-76 quedan anulados, mentres que a A-82 tan só avanzará timidamente, afirmou Herraiz
Este Goberno ten o récord de menor protección co de maior taxa de desemprego, destacou Varela, pois coa reducción aplicada máis de 2.000 parados da provincia quedarán sen esta protección económica
A suba do 0,25% para as pensións foi calificada polos socialistas como precaria, xa que desta decisión non se exclúen de axuste as pensións máis baixas como facía o Goberno socialista; algo que afecta especialmente á provincia de Lugo que ten 119.545 pensionistas, cunha pensión media de 651,33 euros
A deputada no Congreso Margarita Pérez Herraiz- e o senador por Lugo Ricardo Varela- denunciaron este mércores, unha vez coñecidos os orzamentos do Estado de 2015 para a provincia, que estes confirman o que vimos denunciando, a raíz da suspensión da Intermodal, pois nas contas que nos presentan nin tan sequera aparece. É dicir, que o PP provoca que Lugo quede sen AVE definitivamente. Neste senso, os socialistas subliñaron que consideramos un insulto que se dedique a Lugo só o 1% da partida da Alta Velocidade a Galicia. Son, ademais, precisaron, partidas ridículas de distracción para ocultar a realidade de que o Goberno decidiu deixa á nosa provincia sen este servizo.
Proba delo, destacou Herraiz, é que o Plan de supresión dos pasos a nivel que tiña unha proxección para 2015 de 10.615.000 euros desaparece; a LAV Lugo-A Coruña segue en estudos; e a LAV Ourense-Lugo, que tiña unha proxección de 1.108.00 euros se reduce ata os 239.000 euros.
No resto das infraestruturas, que permitirán vertebrar a provincia, Pérez Herraiz lamenta o escaso compromiso coas autovías A-56 (San Martiño-A Barrela)e A-76, que non existen, e a A-82 (Barreiros-San Ciprián). No primeiro caso, unha partida de 5.000 euros non garante absolutamente nada e, no último, con tan só 500.000 euros, tan só avanzará timidamente.
Castigo aos parados da provincia
Así mesmo, o senador lucense destacou que o Goberno insiste no seu castigo aos parados, pois reduce en 4.400 millóns de euros as partidas dedicadas á protección por desemprego. Este Goberno ten o récord de menor protección co de maior taxa de desemprego, afirmou. E é que esta redución nesta prestacións suporá en Lugo unha caída de 30 millóns de euros, ou o que é o mesmo, que máis de 2.000 parados quedarán sen esta protección económica o vindeiro ano.
Lugo xa lidera a caída de protección por desemprego en Galicia dende que chegou Rajoy, apuntou o socialista, quen indicou que dos 8.500 parados que non cobraban prestación algunha en 2011, pasamos a 11.100 en 2014. E con este novo hachazo atoparémonos con 14.000 sen protección en 2015. O PP, unha vez máis, carga o custo da crise nos máis débiles e vulnerables. Por este motivo, os socialistas dubidan, tal e como expresou a deputada, que se cumpra o crecemento cando este se basa en parámetros que se pode observar que están moi mal. Pero é que, aínda que se cumprira o crecemento, hai que ter en conta que o Goberno agarda rematar 2015 con máis de 5 millóns de persoas no paro. Co anterior Goberno, o 80% destas persoas cobraban algunha prestación, hoxe cóbrana o 46,4% dos españois, incluíndo a contributiva, a asistencia e a renda de inserción.
Unha suba precaria para as pensións
A suba do 0,25% para as pensións foi calificada polos socialistas como precaria, xa que destas decisión non se exclúen de axuste as pensións máis baixas como facía o Goberno socialista. Non, agora o axuste é para todas e non como algo circunstancial, agora está regulado que sexa así. Isto afecta especialmente á provincia de Lugo que ten 119.545 pensionistas, cunha pensión media de 651,33 euros. En definitiva, puntualizou a a deputada, menos persoas traballando, menos ingresos por traballo, menos servizos públicos, menos prestacións, menos Sanidade pero máis custos sanitarios, menos Educación con 200 e 300 euros menos por beca, menos atención á dependencia
. Por tanto, máis desigualdade. Os que están ben, seguirán estando ben, pero hai moitas persoas que están mal e, no canto de ter máis servizos, o Goberno cada vez quítalles máis.
Estratexia errónea
Pérez Herraiz fixo estas declaracións, pois o único obxectivo de reducción do déficit é unha estratexia errónea dos Sra. Merkel e do Sr. Rajoy que están colocando aos países da zona euro en moito peor situación que a media mundial. A este respecto, manifestou o desacordo do Partido Socialista con estes Orzamentos, que poden considerarse unha ficción con bastantes posibilidades de error, xa que, segundo o informe económico-financieiro, a previsión de crecemento de España se basea no favorable comportamento do gasto en consumo dos fogares, na mellora do emprego e o avance da remuneración real dos asalariados. Pero o certo é que, a evolución dos custos laborais unitarios en relación á zona euro, amosan que mentras en 2007 España estaba 3 puntos por riba, en 2013 estaba 3 puntos por debaixo; é dicir, que se produciu unha perda de 6 puntos en tan só seis anos, denunciou a deputada.