Luis Álvarez lembra que o candidato socialista tivo o respaldo de 14.000 lucenses e considera inimaxinable que partidos de esquerdas entreguen a Alcaldía de Lugo ó Partido Popular
O Secretario dos socialistas de Lugo aconséllalle a Barreiro que siga as recomendacións de dirixentes do PP e “se mire no espello”
O Voceiro do Goberno local en funcións e Secretario xeral do PSOE de Lugo, Luis Álvarez, advertiu hoxe con toda rotundidade que os socialistas lucenses, como tamén anunciou o Secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, non van aceptar ningún tipo de imposición para sentarse negociar cos outros grupos políticos e deixou absolutamente claro que só hai un candidato do PSOE á Alcaldía de Lugo, José López Orozco, quen encabezou a lista socialista ó Concello de Lugo e recibiu o apoio de 14.000 lucenses.
“Que ninguén pense que o PSOE aceptará negociar que se poña sobre a mesa a renuncia de Orozco, é o noso candidato, co que nos presentamos diante da cidadanía nas eleccións do 24 de maio e co que obtivemos 13.959 votos”, proclamou Luis Álvarez.
O Voceiro do Goberno local en funcións e Secretario xeral dos socialistas lucenses remarcou, “por se non estivera claro dabondo, que non imos negociar coa premisa de que o próximo Alcalde de Lugo non sexa López Orozco” e explicou que esa posición apoiase no feito de que “foron 14.000 veciños de Lugo os que decidiron apoiar unha lista encabezada por José López Orozco, que presentamos diante da cidadanía con absoluta transparencia e claridade, e, polo tanto, él vai seguir sendo o noso candidato en calquera negociación”.
“Non imaxino un escenario no que, por posturas irrenunciables de partidos que nin de lonxe tiveron o noso resultado, poida resultar elixido Alcalde de Lugo o señor Castiñeira, daquela esas forzas terían que ser quen dea explicacións”, advertiu Luis Álvarez.
O Voceiro do Goberno local en funcións e responsable local do PSOE anunciou, ademais, que a delegación socialista que ten encomendado negociar coas outras forzas políticas está formada por él mesmo e polo Concelleiro de Servizos Xerais en funcións, Manuel Núñez. Os contactos posiblemente comezarán a partir de mañá e tamén este xoves está previsto que o Alcalde en funcións e candidato á reelección, José López Orozco, manteña unha xuntanza co candidato do Partido Popular, Jaime Castiñeira, a petición deste último.
Barreiro no espello
Luis Álvarez explicou que no PSOE non hai ningún ataque de nervios senón que reina “unha tranquilidade absoluta e tamén respecto polos principios democráticos”. Neste sentido lembrou que é evidente que nas eleccións do domingo os cidadáns escolleron maioritariamente opcións de esquerdas e, dentro delas, a representación maioritaria obtívoa cláramente o PSOE.
Pola contra, indicou que “sí que me dá a impresión de que sofren un ataque de nervios” no Partido Popular, concretamente o Secretario provincial do mesmo, Xosé Manuel Barreiro, ó que lle lembrou que José Ramón Gómez Besteiro “foi un magnífico Presidente da Deputación durante 8 anos, é o Secretario xeral do PSdeG e ten demostrado de xeito máis que suficiente que a súa xestión deu un gran resultado”.
Luis Álvarez explicou que “están no polo oposto os resultados Barreiro, que é responsable da perda de 27.000 votos do PP na provincia de Lugo e da baixada do 47% ó 39% dos votantes do PP na provincia de Lugo”.
Por este motivo, “facendo miñas recomendacións de notables dirixentes do Partido Popular, o señor Barreiro o que ten que facer é mirarse no espello e analizarse”, e tamén considerou que, no caso de que “se mire no espello e non se vexa, ó mellor é porque, como pasa nas películas, as pantasmas non aparecen reflectidas no espello”.
Debate dentro do partido sobre a Deputación cando chegue o momento
O Secretario xeral dos socialistas lucenses tamén aclarou que o PSOE de Lugo non ten decidido aínda ningún candidato á Presidencia da Deputación porque non é agora o momento e engadiu que “persoalmente invito a aqueles que queiran postularse a que aparquen ese debate ata o momento oportuno e que o fagan no seo do partido, non nos medios de comunicación”.
Luis Álvarez lembrou que “ó PSOE votáronlle na provincia 65.000 persoas e ninguén debe tensionar o funcionamento do partido nin, polo tanto, decepcionar a esas 65.000 persoas con debates públicos que posiblemente obedezan á defensa de posicións persoais”.