A deputada socialista destaca que Rajoy “se desentendeu das persoas dependentes, reducindo drasticamente o financiamento do sistema, poñendo en risco a súa sostibilidade, recortando dereitos e desmantelando a Lei”
O número de número de altas de coidadores non profesionais de persoas dependentes na Seguridade Social na provincia de Lugo descendeu en 823, dende que goberna Rajoy, segundo unha resposta parlamentaria do Executivo ao secretario xeral do Grupo Parlamentario Socialista, Miguel Ángel Heredia.
Segundo os datos do Goberno recollidos nesta resposta parlamentaria, a evolución de coidadores non profesionais de persoas dependentes afiliados á Seguridade Social pasou de 172.363 no ano 2011 a 14.594 en xullo de 2014 e, no caso concreto da provincia lucense, estes coidadores pasaron de 1.090 hai tres anos a 292, na actualidade. A deputada socialista denuncia que o Goberno levou a cabo un “desmantelamento da Lei de Dependencia” e é necesario “salvar a Lei e garantir os dereitos dos dependentes”.
O retroceso sostido que sofre a Dependencia dende que goberna o PP faise tamén evidente nos presupostos e no número de beneficiarios: hai 2.265 millóns menos para o sistema de Dependencia; o número de beneficiarios ten descendido de 738.587 en decembro de 2011 a 721.512 en agosto de 2014 (17.075 menos); 177.000 dependentes con dereito recoñecido están desatendidos, aos que hai que engadir as 314.000 persoas de Grao I, cuxo dereito a atención aínda non é efectivo polo atraso no calendario de aplicación da Lei.
Margarida Pérez Herraiz critica o “desmantelamento da Lei de Dependencia” e a “grave deterioración do Estado do benestar”. “Coa escusa da crise estamos a asistir a un perigoso cambio de modelo que demostra que o Goberno de Mariano Rajoy despreza aos máis vulnerables”, engade. “Desentendeuse das persoas dependentes reducindo drasticamente a achega do Goberno para financiar a Dependencia, poñendo en risco a súa sostibilidade, recortando dereitos e desmantelando a Lei”.
“É necesario -afirma- garantir de forma efectiva o dereito das persoas en situación de dependencia”, e analizar que medidas son necesarias para manter e garantir a sostibilidade do Sistema. Un sistema que, subliñou, “xera emprego, ten un importante retorno na creación de postos de traballo, sobre todo para as mulleres,”.
Os socialistas recordan que, entre outras medidas, o PP paralizou o calendario de aplicación da Lei, impedindo ás persoas con dependencia moderada acceder a unha prestación ou servizo; eliminou dos Presupostos Xerais do Estado a partida para o nivel acordado, que ascendía a 283 millóns; suprimiron os dous niveis en que se dividía cada grao; reduciuse nun 13% a achega do Estado para o financiamento do nivel mínimo; rebaixouse nun 15% a prestación económica por coidados no ámbito familiar; eliminouse a cotización dos coidadores non profesionais; e introduciuse a incompatibilidade das prestacións.
Ademais, produciuse un gran retroceso no financiamento estatal do sistema, xa que de soportar o 40% do custo do sistema en 2009, a administración xeral do Estado pasou a facerse cargo do 19% en 2013, mentres que a achega das Comunidades Autónomas creceu do 50,8 ao 62% e o copagamento dos usuarios case se duplicou.
En definitiva, “o Goberno reduciu o contido esencial do dereito e “realizou importantes recortes presupostarios, co dramático resultado de que os beneficiarios están a recibir servizos e prestacións claramente insuficientes, ao tempo que se encontran sen atender centos de miles de persoas en situación de dependencia”.