O grupo parlamentario socialista presentará mañá no Parlamento galego unha proposición non de lei co obxectivo de que a administración autonómica cumpra as cláusulas do acordo asinado en 2010, e evitar o grave deterioro no que se atopa a infraestrutura
Concepción Burgo subliña que volven levar este asunto á Cámara logo de que a directora xeral de Patrimonio recoñecese que non ten previsto recibir o cuartel o que supón un comportamento inaceptable que demostra unha total falta de lealdade institucional
Dado que o proxecto leva 3 anos de retraso, destaca que é posible demorar a súa rehabilitación e a construción do Museo tantas veces prometido por Feijóo, pero non é posible demorar o seu mantemento, e non hai ningunha razón para que o Goberno galego non o reciba e para que tampouco conteste ós requerimentos do Concello
O grupo parlamentario socialista presentará mañá xoves no Parlamento galego unha proposición non de lei para que a Xunta de Galicia cumpra o convenio asinado co Concello de Lugo, e que inclúe a recepción e mantemento do cuartel de San Fernando para construír nestas dependencias o Museo da Romanización. Deste xeito, a deputada na Cámara galega, Concepción Burgo, lembra que o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño tomou a decisión de construír dito centro cultural, o que tiña unha dobre vantaxe, construír un museo necesario para Galicia e rehabilitar e conservar un edificio emblemático, declarado Ben de Interese Cultural pola súa importancia histórica e artística. O presidente Feijóo comprometeuse reiteradamente a continuar con este proxecto, polo que, unha vez máis lle esixiremos que cumpra a palabra dada a todos os lucenses.
A deputada autonómica subliña que os socialistas volven levar este asunto á Cámara galega logo de que, recentemente, a directora xeral de Patrimonio recoñecese que a Xunta de Galicia non ten previsto cumprir o convenio asinado, evidenciándose así a negativa desta administración para recibir a propiedade do cuartel. Para Concepción Burgo isto é un comportantemo inaceptable que demostra unha total falta de lealdade institucional. A Xunta de Galicia sabe perfectamente que a entidade local non ten a obriga nin as posibilidades de facerse cargo do mantemento desta infraestrutura que se atopa moi deteriorada. Isto está a provocar riscos para os viandantes, feito que xa obrigo ó Concellos a subsanar certas deficiencias.
Neste senso, destaca que non están unidas as responsabilidades de rehabilitación do cuartel e as do seu mantemento tal e como que facer crer a Xunta de Galicia. É posible demorar a súa rehabilitación e a construción do Museo da Romanización tantas veces prometido polo presidente Feijóo, pero non é posible demorar o seu mantemento dado o estado no que se atopa e tampouco existe ningunha razón para que o Goberno galego non reciba esta edificio e para que non conteste ós requerimentos do Concello.
A Consellería está incumprindo claramente a súa obriga
Deste xeito, Burgo denuncia que a Consellería está incumprindo claramente as obrigas asumidas por convenio, ó tempo que está permitindo, sen facer absolutamente nada, que un BIC se esté deteriorando de forma moi grave, ó que teño que engadir que ten paralizadas as obras para a prometida construción do Museo sen dar explicacións ós lucenses deste novo agravio, destacou a socialista.
Para poñelo en marcha, segundo o acordo asinado, a entidade local comprometeuse a ceder gratuitamente o inmoble, que previamente mercou ó Ministerio de Defensa, e o goberno galego a rehabilitar o edificio para que este puidese albergar o Museo da Romanización e a manter o edificio a través do orzamento autonómico.
O Concello de Lugo cumpriu escrupolosamente a súa obriga e cedeu o cuarte o 14 de xullo de 2010. Tendo en conta que a infraestrutura leva tres anos de retraso, o goberno local instou en varias ocasións á Xunta a fixar data e hora para formalizar a cesión ante notario e darlle legalidade a unha situación na que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten as chaves do inmoble dende 2009. O departamento autonómico tamén realizou nel todos os estudos pertinentes para convocar o concurso de ideas para a construción do Museo e adxudicou o proxecto básico sen que a entidade local intervise en ningún momento nin puxese ningunha traba ós traballos de dita Consellería. A día de hoxe, e a pesares dos requerimentos realizados, o Executivo galego non se pronunciou ó respecto e, todo apunta, a que quere desvincularse do tema, tal e como indicou a parlamentaria socialista.