Ricardo Varela vén de presentar na Cámara Alta varias preguntas, co obxectivo de coñecer cales son as previsións que manexa o Executivo estatal, pois os desperfectos producidos en toda a cornixa cantábrica, segundo indicou o Ministro de Agricultura, xa superan os 100 millóns de euros
Tendo en conta que esta factura ameaza con incrementarse por culpa da chegada de novas borrascas, agarda que o Goberno actúe con algo máis de dilixencia coa que o fixo a Xunta de Galicia, xa que, ademais dos danos ocasionados, as perdas que sofren os pescadores e os agricultores por ter a flota amarrada ou porque os seus cultivos están totalmente anegados son moi elevadas
Denuncia que, a día de hoxe, ningún responsable acudise aínda ás zonas afectadas para avaliar os danos. Isto contrasta, subliña, coa celeridade coa que o Presidente autonómico visitou o santuario de Muxía, onde dixo que este se ía arranxar si ou si, e custase o que custase
O senador por Lugo Ricardo Varela- vén de presentar na Cámara Alta varias preguntas, co obxectivo de coñecer cales son as previsións que manexa o Goberno Central para paliar os efectos causados polos últimos temporais na provincia lucense. Neste senso, o socialista subliña que sabemos que ninguén é responsable da meteoroloxía, pero si de aplicar medidas que compensen as consecuencias. A Mariña foi unha das zonas afectadas pero o resto da provincia tamén, xa que os asolagamentos producidos nas zonas do interior son numerosos e os ríos, nestes momentos, corren o risco de desbordarse.
Deste xeito, con este iniciativa, o Partido Socialista solicitará que o Executivo estatal active os protocolos necesarios para facer fronte a esta situación, xa que, a día de hoxe, ningún responsable non acudiu aína ás zonas afectadas para avaliar os danos; o que contrasta, asegura, coa celeridade coa que o Presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo- visitou o santuario de Muxía, onde dixo que este se ía arranxar si ou si, e custase o que custase.
Por este motivo, e ante a posibilidade de que a provincia se vexa novamente afectada por futuros temporais, os socialistas agardan que o Goberno actúe con algo máis de dilixencia coa que o fixo, por exemplo, a administración autonómica.
Tal e como dixo o compañeiro José Ramón Val, no Parlamento galego, a obriga da Xunta é antepoñerse a este tipo de desastres, pois de nada serve botarse as mans á cabeza cando o dano xa está feito. Por iso, agora esiximos ó Ministerio unha maior previsión porque, ademais dos danos ocasionados, as perdas que sofren os pescadores e os agricultores por ter a flota amarrada ou porque os seus cultivos están totalmente anegados son moi elevadas.
Máis de 100 millóns
Por tanto, o senador lucense considera necesario que o Goberno dé explicacións e concrete as actuacións que ten pensado levar a cabo para paliar os desperfetos ocasionados. Tal é así que, a forte choiva e o forte vento producido nas últimas semanas, e que sacudiu especialmente á cornixa cantábrica, ocasionou importantes danos nas Comunidades do norte de España. Precisamente, só nunha primeira aproximación, lembra Varela, o titular de Agricultura xa manifestou que os estragos producidos en Galicia, Cantabria e o País Vasco ascenden a 108 millóns de euros; unha factura que ameaza con incrementarse por culpa da chegada de novas borrascas, afirma o socialista.
E é que a avaliación do Goberno que, afecta a infraestruturas públicas e privadas, revela que só en materia de costas, cuxa reparación corresponde directamente ao Estado, os desperfectos son de 21,5 millóns de euros.