O PSOE reclámalle á Xunta de Galicia que adique investimentos á Ronda Leste de Lugo. O Voceiro socialista e Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, deu a coñecer hoxe unha proposición que presentou o Grupo municipal socialista para o debate no vindeiro Pleno do Concello. Nela o Grupo socialista pide á Corporación que se propoña á Xunta de Galicia que inclúa nos seus presupostos as partidas necesarias para concluír, no menor tempo posible, o trazado pendente de execución da Ronda Leste de Lugo.
O grupo municipal do PSdeG-PSOE do Concello de Lugo considera fundamentais todos os aspectos relacionados coa seguridade das persoas que, por unha razón ou outra, circulan polas rúas e estradas do Concello.
Na expoosición de motivos explícase que nos últimos tempos, existe un incremento de accidentes de circulación na Estrada do Rato, situación que pon en risco a integridade dos ocupantes dos vehículos sinistrados e das persoas que empregan o sendeiros adxacentes no seu tempo de lecer.
Este incremento no número de sinistros explícase por diversas razóns, entre as que non se debe esquecer o incremento do número de vehículos que empregan esta vía, como consecuencia da apertura do novo Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
Por outra banda, esta estrada, tanto polo seu trazado como pola súa concepción orixinal, non está concibida como unha vía de enlace entre a Tolda de Castela (e en xeral o sur da cidade) e a estrada de A Fonsagrada.
Este grupo municipal é consciente de que na actual situación económica, todas as Administracións públicas deben realizar un considerable esforzo, que se traslada no establecemento de prioridades nos investimentos en xeral, e en infraestruturas en particular.
A proxectada continuación da Ronda Leste de Lugo, que conectará a actual estrada de A Fonsagrada coa recentemente posta en marcha do acceso Lugo-Nadela, contribuirá a unha redución notable do tráfico que soporta a Estrada do Rato, posto que derivaría dunha forma rápida e segura os vehículos que, con destino ao HULA, proveñen da parte do concello situado no lado oeste do río Miño, ademais dos procedentes doutros concellos da provincia que acceden á cidade ou que deben cruzala para acceder a outras vías.
Ademais, e non menos importante, contribuirá a regular os fluxos de circulación da cidade, deixando toda a súa parte norte e leste comunicada por vías seguras e de alta capacidade, que permitirán, entre outros, o acceso aos polígonos industriais de O Ceao e As Gándaras.