Santín e Burgo anuncian que o Grupo Parlamentario Socialista vén de presentar un escrito na Cámara galega co fin de que estas propostas non sexan tramitadas, ao considerar que se ve afectada a vontade dos máis de 41.000 asinantes da iniciativa popular
Reclaman ao Presidente da Xunta o cumprimento inmediato da ILP que permitirá dotar ao Hospital de Lugo dos servizos de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear, xa que non hai criterios sanitarios, económicos nin de eficiencia que avalen a negativa a establecer estas unidades no HULA
Os deputados autonómicos, Juan Carlos González Santín e Concepción Burgo, informaron este luns que o Grupo Parlamentario Socialista vén de presentar na Cámara galega un escrito, a través do que solicitan a dito organismo a non admisión a trámite das emendas presentadas polo Partido Popular para garantir a prestación das especialidades de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear en igualdade de condicións para toda a cidadanía, con independencia do seu lugar de residencia.
Os socialistas adoptaron este medida ao considerar que as emendas presentadas polo Grupo do PP alteran de xeito substancial o proxecto admitido a trámite e modifican de xeito importante o seu propio obxecto e natureza, procedendo a mudar a ILP presentada coa formulación dun novo texto e non respectando a vontade dos seus asinantes máis de 41.000-. Deste xeito, tal e como explicou González Santín, a través de tales emendas se propón alterar a propia Lei na que se inscribe o cambio proposto: na ILP a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e nas emendas presentadas polo Grupo Popular, a Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias.
Neste senso, o deputado autonómico indicou que non parece admisible, polo tanto, a alteración dunha Lei distinta a que a propia ILP propón e establece. Tanto a propia Constitución Española, no seu artigo 87.3, como o Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 13.1, recoñecen o dereito da cidadanía a poder presentar propostas lexislativas, o cal non pode ser alterado ata o punto de supoñer unha modificación; feito suficiente para non admitir as emendas presentadas polo Partido Popular, afirmou.
Ademais, as propostas do Partido Popular, baixo un suposto respecto á redacción ou literalidade da ILP, recollen alteracións substanciais que modifican e alteran a esencia mesma daquela. O propio Tribunal Constitucional, na súa sentenza 119/2011, do 5 de xullo, se pronuncia sobre a necesidade dunha correlación entre as emendas presentadas e o texto emendado, cuestión que non pode agochar, como acontece neste caso, a finalidade de transformar á propia esencia da natureza ou os fins da ILP admitida a trámite, indicou o dirixente dos socialistas lucenses.
Así acontece cando se tenta modificar un servizo de Hemodinámica 24 horas por uns xenéricos procedementos de hemodinámica; ou cando se garante a equidade en función das condicións de calidade. Os cambios son profundos e tentan dar vida a uns condicionantes e a unha realidade nova, corrompendo a natureza mesma da ILP presentada e admitida a trámite. Así o entenden, ademais, os propios promotores da ILP que se senten estafados pois, no caso de que acaden o visto e prace, alteraríase dun xeito grave a Iniciativa, ata o punto de non resultar recoñecible, destacou Santín.
Reclamación dos socialistas
Por todo elo, Santín e Burgo reclamáronlle ao Presidente da Xunta o cumprimento inmediato da Iniciativa Lexislativa Popular, pois consideran que non hai criterios sanitarios, económicos nin de eficiencia que avalen a negativa a establecer estas unidades no Hospital de Lugo. Deste xeito, lamentaron que o Executivo permita que esta sexa a única provincia galega que a día de hoxe carece delas, provocando que os mais de 1.000 lugueses que necesitan ao ano un cateterismo, os mais de 600 con tratamento de Radioterapia e os outros 1.000 que precisan diagnose con Medicina Nuclear teñan que seguir desprazándose a Coruña ou a Santiago, co conseguinte risco que isto supón para a súa saúde.
Promesas incumpridas
O titular autonómico vén prometendo que o hospital contará con estes servizos dende a súa posta en marcha, pero o certo é que segue sen cumprir coa súa palabra. Do presidente galego só temos promesas incumpridas, mentiras, desculpas e evasivas. Proba delo, apuntou o secretario provincial, é que non respectou o mandato do Parlamento, onde se aprobou por unanimidade unha moción socialista para dotar ao hospital de servizo de Hemodinámica as 24 horas do día. A realidade é que, a día de hoxe, só temos este servizo de 8 a 3. É dicir, que os lucenses só podemos infartar en horario de oficina!, exclamou. Neste sentido, Burgo reiterou que as enmendas do PP á ILP recortan totalmente a posibilidade de ter un servizo de hemodinámica completo xustificando que non é necesario en Lugo, co que estamos absolutamente en desacordo.