Foi nunha xuntanza enmarcada na campaña emprendida polo Partido Socialista para acadar a implicación de diversos sectores na defensa da chegada da Alta Velocidade á cidade de Lugo
O PP están a castigar á cidade e a arrebatar o proxecto da estación Intermodal que José Blanco deixara encamiñado sendo Ministro, adxudicando o proxecto por valor de 630.000 euros. O proceso de redacción tiña un prazo de 27 meses, o que supón que en setembro de 2013 debería estar rematado
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Secretario Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, o Secretario Provincial, Juan Carlos González Santín, e o Senador por Lugo, Ricardo Varela, reuníronse coas asociacións veciñais no marco da campaña institucional emprendida para sumar apoios e tratar de evitar que a Ministra Ana Pastor, marxine á cidade na chegada do tren de Alta Velocidade a Galicia.
Esta campaña iniciada polo Partido Socialista, ten como obxectivo a unión de forzas de diferentes sectores da sociedade lucense contra as decisións do Ministerio de Fomento que hai dous anos rescindiu o contrato da estación Intermodal de Lugo e ven de paralizar as obras da variante de Pobra de San Xiao. Uns feitos que o Executivo de Rajoy tiña agochados, e foi grazas ao traballo do senador lucense Ricardo Varela e a un despiste de ADIF, que soubemos da paralización do proxecto a pesares de que no 2013 dicían que seguía en marcha, indicaron os socialistas. Un engano que está a agochar o castigo ao que está a someter o Goberno do PP á cidade de Lugo e aos lucenses, afirmaron.
Marxinados no século pasado
Neste ano cúmprense 140 anos dende a chegada do primeiro tren a Lugo, algo que se fixera desexar moitos anos e que supuxo unha transformación das comunicacións, da sociedade, da economía e do desenvolvemento da cidade. O goberno do PP está a anular a posibilidade de seguir cara diante e a defraudar a todos os lucenses ao non cumprir coas súas promesas e paralizar unha construción transcendental, deixando a Lugo ao marxe do mapa da alta velocidade e mantela coas infraestruturas máis aló do século pasado, aseguraron os socialistas.
Engano deliberado
Os políticos socialistas afirmaron que non podemos permitir que se engane deliberadamente aos lucenses, non se pode prometer o que non se vai a desenvolver, e por iso, nós sumaremos todos os apoios posibles para defender o proxecto. Neste senso os socialistas lembraron que xa no mes de marzo os Concellos de Lugo e Monforte formaron un eixo na defensa do AVE, e os socialistas acadaron neste mesmo mes o apoio dos empresarios lucenses e hoxe sumamos a implicación das asociacións veciñais de Lugo contra a marxinación deliberada da nosa cidade.
Os feitos están a demostrar o totalitarismo do PP, que está a adoptar decisións transcendentais para os lucenses sen informar á cidadanía nin aos organismos afectados, como é o Concello. Todo isto, contando coa complicidade e protección do Goberno galego que non fai nada para solucionar o veto do Ministerio, xa que no Parlamento de Galicia os populares votaron en contra da Proposición non de Lei presentada polos socialista para que a Xunta garantise o cumprimento do acordo entre o Concello, Xunta e Ministerio que posibilitaría a chegada do AVE a Lugo.
Encamiñado co goberno do PSOE
Os gobernos do PP están a castigar á cidade e a arrebatar un proxecto que, José Blanco, sendo Ministro no ano 2010, deixou encamiñado. De feito, antes de producirse o relevo no Executivo central, adxudicárase o proxecto por valor de 630.000 euros. O proceso de redacción tiña un prazo de 27 meses, o que supón que en setembro de 2013 debería estar rematado.
Segundo o protocolo establecido naquel entonces, o Ministerio financiaría a nova estación e o 50% da reurbanización da contorna, o Concello a adecuación da estación actual cando deixara de funcionar e a Xunta asumiría o importe da nova estación de autobuses, así como, o 50% das actuacións necesarias apra a loxística da nova infraestrutura. Pero nada de isto levouse adiante polo veto do Goberno Central, por os socialistas piden que se retome inmediatamente, o acordo subscrito no 2010.