Apostamos polo Rural

As 54 parroquias da nosa zona rural seguirán sendo protagonistas clave desta segunda transformación de Lugo, e estes son os novos compromisos:

Comprometidos co noso medio rural

• Impulsaremos o PXOM no rural para facilitar, unha vez aprobado o 5% pendente, o asentamento e a construción nas parroquias.

• Reforzaremos o noso Plan de Actuación, co que conseguimos poñer ao día todas as licenzas de obra maior pendentes do rural, para resolver no menor tempo todas as novas solicitudes. Trátase dun compromiso de todo o equipo técnico da Oficina de Asuntos do Rural e unha aposta decidida por apoiar ao noso sector agrario, aos produtores e ás iniciativas que traerán futuro ao noso concello, que axudarán a crear riqueza e emprego e que contribuirán a asentar poboación e dinamizar as parroquias.

• Continuando co importante traballo realizado nos últimos anos, imos seguir aumentando a rede municipal da traída de auga nas parroquias e loitaremos por realizar máis obras de saneamento. Por iso, seguiremos dotando de orzamento municipal e esixindo á Xunta de Galicia que reverta, neste eido, unha porcentaxe do canon da auga finalista que abonan os lucenses (máis dun millón de euros ao ano) para ampliar a rede de saneamento no municipio.

• Traballaremos en combater a soidade non desexada e o illamento a través do programa Acompañámoste, que reforzaremos no rural para atender un dos problemas máis graves que sofren as persoas nos tramos de máis idade. Así, continuaremos a promover distintas actividades e iniciativas para a súa participación na vida do concello e xeraremos oportunidades para unha vida activa destinada, particularmente, a esta parte moi importante da poboación.

• Tal e como vimos facendo, acometeremos o mantemento de toda a rede viaria das 54 parroquias lucenses con traballos de bacheo para atender aos máis de 1.000 quilómetros de estradas municipais e camiños. Así como a limpeza de cunetas, colocación de tubaxes ou realizar canalizacións para evitar que a auga deteriore o firme das pistas.

• Seguiremos recuperando e mellorando fontes, lavadoiros e cruceiros polo seu valor patrimonial, natural e cultural no medio rural.

• Continuaremos renovando e ampliando a sinalización da totalidade dos núcleos rurais.

• Ampliaremos a instalación de novos puntos de luz e avanzaremos no cambio progresivo das luminarias por tecnoloxías de
baixo consumo.

• Traballaremos para reforzar a roza anual das vías públicas das parroquias, así como a nos camiños municipais.

• Velaremos pola protección e conservación das vías públicas municipais en relación coas operacións forestais de corta, saca, depósito e transporte de madeira coa ordenanza de corta e saca da madeira coa que regulamos a actividade extractiva forestal.

O Lugo da Transformación Rural

• Co novo servizo de recollida LuceLugo, achegaremos o punto limpo móbil a todas as parroquias co fin de facilitar o depósito e a reciclaxe dos residuos.

• Renovaremos a totalidade dos colectores do lixo por outros de carga lateral, co que o servizo será máis eficaz, aumento a recollida selectiva e con novos colectores de recollida de aceite que xa se están a colocar.

• Tamén realizaremos unha campaña de compostaxe nas vivendas do rural, unha práctica que permitirá o aforro nos custes de recollida.

• Reforzaremos a atención dos diferentes servizos municipais na zona rural, en especial os de mobilidade, servizos sociais e
protección á comunidade (transporte público, axuda no fogar, policía local e protección civil).

• Realizaremos máis campañas para loitar contra a proliferación da avespa velutina en todas as parroquias, como medida para favorecer a eliminación dos niños desta especie invasora, que prexudica á autóctona e xera alarma na poboación.

• Daremos continuidade á celebración da Carreira Popular ‘Correndo polo Rural’ nas parroquias coa intención de consolidar este evento no tempo pois transmite valores fundamentais como a importancia da actividade física e o fomento de todos os beneficios e servizos do rural.

• Colaboraremos e demandaremos das administracións competentes a cobertura de redes móbil e Internet de calidade na totalidade das parroquias, imprescindible para a igualdade de oportunidades no rural e o desenvolvemento económico.

• Apostaremos por consolidar Lugo como referente en industrias ecolóxicas vencelladas aos sectores gandeiro, agrícola e forestal. A construción de edificios en madeira onde o municipio é pioneiro debe ser un revulsivo para a dinamización económica do rural.

• Intensificaremos a colaborando co sector primario, fomentando o cooperativismo, apoiando o emprendemento. 

• Promoveremos o turismo rural sostible e de experiencias, aproveitando o seu auxe e favorecendo o enriquecemento das parroquias de Lugo.

• Seguiremos poñendo en valor o Camiño Primitivo, e as oportunidades que abre, son tamén un factor de dinamización clara de parte do rural lucense. Nese senso, a preocupación pola contorna guiará toda a nosa actuación.

 

FEITOS NO RURAL 19-23 👇

Descargar (PDF, 8.98MB)