O vindeiro xoves 28 de xuño terá lugar a asamblea local para elexir a nova executiva.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Luis Álvarez Martínez, anunciou públicamente a súa intención de presentar a súa candidatura para a Secretaría Local do PSOE de Lugo, “dentro do proceso de renovación de cargos directivos e responsables do partido socialista”.

A asamblea do PsdeG-PSOE de Lugo que elexirá a nova Executiva local celebrarase o vindeiro xoves.

Luis Álvarez avanzou que encabezará unha candidatura formada por un equipo de xente con experiencia e comprometida co PSOE, aínda que non fixo pública, de momento, a composición dese equipo porque manifestou que “os primeiros que teñen que coñecer dita candidatura son os afiliados nesa asamblea local”.

Álvarez defendeu que este é un momento para garantir que a organización e as decisións que se toman son as que queren os cidadáns, polo que os partidos políticos deben cobrar unha maior relevancia, perdida nos últimos tempos nos que as economías globais e locais parecen estár a marcar os ritmos e decisións que se deben tomar para rexir a vida dos cidadáns.

Luis Álvarez tamén destacou que “o PSdG é un partido que iniciou unha nova andaina” e considerou que “xa é tempo de que deixe de ser noticia o proceso de renovación dos cargos institucionais e de que todos nos ocupemos máis dos problemas da xente, que é unha tradición deste partido político”.