Miguel Fernández criticou a falta de traballo e seriedade de Lugonovo porque “ser concelleiro é unha responsabilidade ás 24 horas, non de media xornada e, limitarse a enviar a diario unha nota de prensa, non demostra rigorosidade”
O voceiro municipal, Miguel Fernádez, en resposta as declaracións realizadas polo voceiro do grupo municipal de Lugonovo, nas que deixaba entrever falta de información, manifestou que “para o Goberno en democracia a transparencia demóstrase poñendo a disposición dos grupos da oposición todas as canles necesarias para facilitar a súa importante labor de fiscalización, algo que este Goberno ten feito dende o minuto un, incluso máis aló do que regulamentariamente está estipulado”.
No Concello de Lugo a oposición conta con suficientes recursos económicos, técnicos e humanos para poder analizar toda a documentación que precise, que ademais se atopa diariamente a súa enteira disposición. Polo que “Lugonovo debería dedicar máis tempo e esforzo a traballar con esa documentación que se lle facilita, en lugar de facer malabarismos dialécticos que a nada conducen e tampouco contribúen á mellor gobernanza da nosa cidade”, segundo explicou Miguel Fernández.
Dende este grupo político só buscan o non polo non, en lugar de ter máis rigor e seriedade no traballo que realizan, ante o que o voceiro municipal recordoulles que “pedimos rigor e seriedade, que non pretendan que o Goberno lles realice o seu traballo de fiscalización polos pasillos, nin dean recomendacións que ninguén lles solicitou”.
“En democracia a transparencia e a política non son comentarios de pasillo. Ser concelleiro é unha responsabilidade ás 24 horas, non de media xornada e, limitarse a enviar a diario unha nota de prensa, non demostra precisamente excesiva rigorosidade”, tal e como está a facer Lugonovo, polo que o voceiro municipal lle solicitou máis seriedade, “xa que non é de recibo elevar á categoría de xuntanza unha charla, máis ou menos distendida, enmarcada na necesaria cortesía que a todos se nos presupón”.