Luis Álvarez lembra que a oposición tivo a súa disposición coa suficiente antelación o expedente completo como corroborou no Pleno o Secretario do Concello
O Voceiro socialista dí que o PP protagonizou no Pleno de onte unha nova representación teatral
O Concelleiro de Urbanismo e Voceiro do Grupo socialista, Luis Álvarez, denuncia que o Partido Popular tentou provocar o bloqueo económico do Concello no pleno de onte no que “asistimos a unha representación teatral máis do PP, que levaba planificado o seu voto decidido independentemente do que pasara no debate”.
O Voceiro socialista considerou estéril a polémica sobre os informes municipais creada polo Partido Popular, e remarcou que o que se someteu ó Pleno foi a desestimación das alegacións e consecuente elevación a definitivo do Presuposto para 2012. Álvarez lembrou que os informes deste asunto estaban no expedente e á disposición da oposición con máis de 48 horas de antelación como ratificou o Secretario do Pleno que, a preguntas do Alcalde, dixo que o expedente estaba completo.
É unha polémica estéril xa que dispoñían dos informes que están no expedente e non houbo aportación de ningún informe novo a ese expedente como ratificou o Secretario do Pleno, manifestou Luis Álvarez.
Sobre o auto do Xulgado do Contencioso sobre a nouturnidade que reclama un policía local, explicou que cando tivemos coñecemento do auto pedimos informe da Asesoría Xurídica, que expresou verbalmente o seu criterio e pediuselle que o puxera por escrito. Ese informe non engade nada novo á postura da Comisión que tratou da desestimación das alegacións ós Presupostos, só aporta seguridade xurídica ás decisións que se toman.
Para o Voceiro socialista, a estratexia do PP é clara, quere que o Concello non teña Presupostos, que paralicemos as inversións e a atención as persoas que o necesitan, co fin de que se produza unha situación de bloqueo económico e administrativo da institución.
Luis Álvarez tamén ironizou ó dicir que me gustaría que o señor Castiñeira lle dese saúdos a ese Goberno paralelo que decían que ían poñer en marcha, eu non o atopo por ningún sitio, a ver se él é quen de trasladarlle o meu saúdo.