Luis Álvarez lembrou que o Alcalde de Lugo botou do despacho a unha persoa que o acosou porque pretendía obter un traballo de xeito irregular

Esta mañá o Voceiro Socialista, Luis Álvarez, defendeu o bo facer e a inocencia do Alcalde de Lugo e preguntouse se “a alguén lle parece normal que alguén que vaia a buscar axuda para que lle encontren un traballo acuda a esa petición cunha gravadora”. Destacando que este é un feito que chama moito á atención, porque “eu se vou a pedir axuda, non parece moi razoable que en algún momento poida utilizar esa conversa en contra desa persoa á que lle vou pedir axuda”.

Luis Álvarez incidiu na pouca normalidade deste feito e lembrou que esta persoa nunca traballou para ningunha empresa municipal, ou que tivera contratos co Concello de Lugo.

Unha segunda entrevista da que non hai gravación
O Voceiro Socialista incidiu en que “o Alcalde botou do despacho a esta persoa porque a súa presión e o seu acoso era insoportable” e pregúntase “cómo é posible que desa segunda entrevista que acabou desa maneira non haxa gravación” explicando que “ao mellor o Alcalde puxo as cousas no seu sitio, ao non permitir actuacións irregulares” como fai sempre.

Ademais segundo Luis Álvarez “unha cousa é que sexas receptivo a oír as demandas da xente, como é o Alcalde, ás veces en exceso, porque evidentemente a súa bohemia xa se ve a factura que lle está pasando, e outra é que sexas permeable a cometer actos ilegais”, en referencia á que son dúas cuestións que hai que diferenciar con claridade.