A agrupación local do PSdeG PSOE de Lugo quere facer pública a súa satisfacción tras o arquivo da causa contra o noso compañeiro López Orozco, alcalde de Lugo, da peza separada da chamada Operación Campión.

Sempre tivemos a seguridade de que toda esta maraña de falsedades remataría desta maneira, porque ninguén podía prestar a máis mínima credibilidade ás declaracións que contra o noso compañeiro se fixeron.

López Orozco é un orgullo para a nosa agrupación, unha persoa comprometida co PSdeG, co Concello e coa cidade de Lugo, unha persoa que ten soportado, por mor da súa vocación de servidor público, unha situación inxusta, arbitraria e co obxectivo de causar dano e desgaste político, e da que estamos seguros que se atoparán os responsables, estean donde estean e sexan quen sexan.

É o momento de recoñecer ao noso Orozco, esa persoa próxima, que sempre anima aos demais e gardou para si tantos momentos de sufrimento causados polos que cren que todo vale.

Pero tamén é o momento de pedirlle á oposición municipal, ao PP de Lugo, que faga unha análise crítica sobre o rumbo que levan, e si consideran que a estratexia de mezclar todo, como fai o seu portavoz municipal, é o que se espera de quen lexitimamente ten a aspiración de gobernar este concello.

Non estaría de máis que reflexionasen sobre determinadas manisfestacións realizadas fai poucas semanas nas que mesturaba as licenzas. Quedou demostrado agora que nada tiñan de “urbanismo á carta” como se permitiu decir ese señor, con supostos achadegos de perdas de patrimonio municipal, que tampouco eran tales.

A política é necesaria, pero a política madura, sensata e para o beneficio de todos, como a que leva anos practicando o noso Orozco.