Orozco destacou que “Máis Lugo” é a esencia do proxecto socialista, un proxecto de futuro, que implica que Lugo avance sen descanso
José Ramón Gómez Besteiro anuncia na presentación da II Festa da Cidadanía a súa candidatura como Presidente da Deputación Provincial de Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, xunto co Secretario Xeral do PSdeG-PSOE da provincia de Lugo, Ricardo Varela, e o Secretario Xeral da agrupación Local do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, presentaron esta mañá, diante da Casa do Concello, a II Festa da Cidadanía, que se celebrará o domingo 14 de novembro ás 11.30 horas no Parque de Frigsa.

Este será o acto de presentación para a Alcaldía de Lugo de José López Orozco, que continúa co proxecto de involucrar a toda a cidadanía e escoitar de preto as inquedanzas dos cidadáns, tal e como xa fixo no ano 2007 coa celebración da I Festa da Cidadanía.

Orozco aposta por facer “Máis Lugo”

No acto de presentación, Orozco destacou que dende o PSOE se quere ser “positivo, porque o importante é sumar e non restar, porque Lugo representa unha cidade que avanza, e avanza con paso firme hacia o futuro, sumando a súa xente, uníndoa. Quero “Máis Lugo” porque representa o consenso, a unión, que fai a forza, xa que todos somos necesarios e non nos deteremos. “Máis Lugo” busca o plural. “Máis Lugo” é a esencia do noso proxecto, porque temos un proxecto de futuro que implica que Lugo avance sen descanso, non podemos nin queremos parar, debemos ir sempre a máis, a “Máis Lugo”. Sabemos que cantos máis sexamos, máis poderemos facer pola cidade”.

E coa filosofía de “Máis Lugo” e de que o avance depende da cidadanía, o Alcalde de Lugo animou a todos os cidadáns a participar nunha festa “austera, na que se disfrutará dun magosto popular”, e que contará coa presenza do Vicesecretario Xeral do PSOE e Ministro de Fomento, José Blanco, do Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, do Secretario Xeral da provincia de Lugo, Ricardo Varela, e do Secretario Xeral da agrupación Local do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro.

Besteiro aposta por “Máis Lugo” e anuncia a súa candidatura

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, referíuse ao Alcalde de Lugo como “un Alcalde con maiúsculas, que asume novos retos nunha cidade que mudou moitísimo, pasando de ser unha cidade á que se entraba entre berzas para ser unha cidade máis moderna, con novos retos de futuro”, e destacou proxectos que xa son realidade, como o polígono industrial das Gándaras, o hospital, as novas entradas a Lugo ou a ponte. Aproveitando o acto de presentación da II Festa da Cidadanía, Besteiro anunciou a súa candidatura como Presidente da Deputación Provincial de Lugo para as vindeiras eleccións, apostando, xunto coa filosofía dos socialistas, por “Máis Lugo”.

Pola súa banda, Ricardo Varela, destacou que “o PSOE presenta un candidato coñecido, o actual Alcalde de Lugo, que conta cun enorme aval de xestión da cidade, xa que Orozco é o Alcalde que modernizou Lugo. Antes, unha bonita vila e hoxe, unha fermosa cidade”.