José López Orozco, Alcalde e candidato socialista do PSdeG-PSOE de Lugo, acompañado dos alcaldes e candidatos socialistas á reelección de Castroverde, Xosé María Arias Fernández, e da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, mais o candidato á Alcaldía de Baleira, Javier Núñez, asinaron hoxe un manifesto de apoio á candidatura do Camiño Primitivo de Santiago como Patrimonio da Humanidade.

No acto celebrado na Porta de Santiago da Muralla de Lugo, os alcaldables destacaron a importancia desta ruta histórica que pasa na provincia polos concellos de Baleira, A Fonsagrada, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol e Palas de Rei, e que xa foi empregada polos devotos no século IX. López Orozco salientou que “o Camiño Primitivo supón para os concellos que representamos a posibilidade de afianzarnos cara un futuro de crecemento turístico, cultural, económico, medioambiental e ecolóxico” e leu o manifesto no que se comprometen a:

1.- Apoiar expresamente dende as nosas responsabilidades a candidatura do Camiño Primitivo á declaración de Patrimonio da Humanidade.

2.- Levar a cabo dun xeito conxunto campañas de divulgación e concienciación sobre a importancia do Camiño nos nosos concellos, como fonte dunha cultura europea común, hoxe cultura e patrimonio de todos.

3.- Esixir a colaboración da Xunta de Galicia na creación da plataforma dos Camiños de Santiago, que sirva como proxección turística da nosa comunidade no mundo enteiro.

4.- Impulsar, xunto cos concellos polos que pasa o Camiño Primitivo e xunto coas comunidades autónomas das que forman parte, a creación dunha rede de cidades e comunidades do Camiño Primitivo, para fortalecer e potenciar os intercambios turísticos e culturais.