O presidente da Deputación e secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, e unha representación de 40 alcaldes e voceiros socialistas encheron a sede do partido en Lugo para reclamar servizos sanitarios de calidade e amosar o seu apoio á manifestación cidadá prevista para este xoves
Besteiro anunciou que o manifesto será rexistrado na Xunta para coñecemento de Feijóo e esixiu que as reclamacións multitudinarias dos profesionais sanitarios e os veciños de Lugo sexan tratadas como unha prioridade para o Goberno galego
Unha representación de 40 alcaldes, alcaldesas, voceiros e voceiras do PSdeG na provincia de Lugo, encabezada polo presidente da Deputación e secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, presentaron esta mañá na sede do partido o manifesto Non somos cidadáns de segunda, no que reclaman os servizos de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear para o HULA, ademais dunha sanidade pública de calidade na provincia. O documento, que asinan todos os cargos e voceiros socialistas, será introducido no rexistro da Xunta para coñecemento do seu presidente, e para que as reclamacións multitudinarias dos e das profesionais da sanidade e dos veciños e veciñas de Lugo sexan tratadas como o que deben ser: unha prioridade para o Goberno galego, segundo anunciou Gómez Besteiro.
O secretario xeral dos socialistas en Lugo leu o manifesto, que incide nunha asistencia adecuada e eficaz e que sexa igualitaria con respecto a outras provincias galegas para que Galicia deixe de ter dúas velocidades. Gómez Besteiro apelou á vontade política dos responsables da Xunta para cumprir coas dotacións que Lugo precisa. Moitas delas, lembrou, xa comprometidas co anterior goberno autonómico. Para isto, pediu que a Xunta actúe por riba de motivos ideolóxicos, por diante de criterios de calculadora e coa mirada autónoma e independente que debe ter o Goberno de Galicia que, afirmou, nun problema destas características non pode escudarse en decisións tomadas desde Madrid nin en Consellos Interterritoriais, senón na realidade e as necesidades propias da poboación.
O socialista incidiu na esixencia de Hemodinámica as 24 horas no HULA. Non podemos permitir que o tempo de atención medio para realizar un cateterismo en caso de infarto sexa de case 180 minutos para os e as lucenses, cando os expertos din que despois de 120 minutos os danos poden ser irreversibles e o risco de morte é ata do triple, afirmou. Tamén destacou a necesidade da Radioterapia. Non podemos consentir que 600 lucenses teñan que trasladarse cada ano a outra provincia para recibir o seu tratamento contra o cancro nunhas condicións que afectan ao enfermo e aos seus familiares, dixo. En canto á Medicina Nuclear, asegurou que un hospital de referencia non pode quedar atrás na diagnose de enfermedades e non debe renunciar a darlle seguridade e unha atención de calidade aos veciños e veciñas.
Área integrada e melloras nos hospitais
No manifestó asinado hoxe, os socialistas lembran ademais que estarán vixiantes tras os pasos dados coa xestión integrada única. Non a compartimos, por supoñer a eliminación da independencia e a autonomía orzamentaria das áreas da Mariña e Lemos, e por abrir a porta da privatización e a centralización de servizos co progresivo abandono das zonas rurais, din. Asimesmo, destacan os compromisos incumpridos por parte da Xunta de Galicia en materia de sanidade na provincia, como a dotación dos edificios do antigo Hospital Xeral ou as melloras e investimentos nos hospitais comarcais de Burela e Monforte.
Manifestación do xoves
Pola súa banda o alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, que falou en nome dos alcaldes e voceiros, destacou que os e as lucenses teñen os mesmos dereitos e deberes que o resto de Galicia e España, e non son de segunda, polo que lanzou unha mensaxe aos dirixentes do PP: A Lugo hai que vir cando hai necesidades, e non só para recoller os votos, dixo, antes de animar a todos e todas a estar na manifestación vecinal deste xoves día 6, xa que teñen dereito a esixir o que é de xustiza.