Concello de Lugo refuta con medicións as obxeccións alegadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Os valores da Estación foronómica do Miño descartancrecidas ou secas extraordinarias e a xustificación técnica do proxecto afianza que nin 760 persoas de 80 kg cada unha, xuntas sobre o pantalán, farían que a plataforma tocase o leito.

Miguel Fernández cuestiona cara onde suxire a Xunta trasladar a dotación se, “segundo ela mesmaindica, todo o Miño ao seu paso por Lugo é área de alto valor ecolóxico e non contamos con ningún lago, presa ou encoro aos que entende se axustan mellor as piscinas flotantes, algo que xa coñecía en 2019 cando deu o seu beneplácito á concesión”.

O caudal do Miño, na segunda ubicación proposta polo Concello de Lugo para poder habilitar este verán a zona de baño pública, era o día 6 de xullo de 2’14 metros de máximo e de 1’65 m. de mínimo, o que faría viable a súa apertura. E o máis salientable: as desviacións máximas esperadas en época de estiaxe e, por tanto, no período no que estarían operativas as piscinas, serían de 0’03 e 0’04 metros (3 ou 4 cm.).

Son algúns dos datos oficiais, achegados pola área de Medio Ambiente no informe que vén de presentar ante a Confederación Hidrográfica para xustificar tecnicamente que o desprazamento da plataforma augas arriba era axeitado ás consideracións realizadas pola Xunta cando esta lle deu, en 2019, o seu beneplácito ao permiso para instalar as piscinas nesa contorna.

O tenente de alcaldesa e portavoz municipal, Miguel Fernández, explicou que estas cifras foron obtidas da Rede Integrada de Estacións de Aforo (SAIH – ROEA) – dispoñible para calquera organismo ou particular, de xeito gratuíto – tomando como referencia a Estación foronómica 1622 que sería a que correspondería para o ámbito no que se plantexa a actuación.

“Cifras, accesibles tamén, por tanto, para a Dirección Xeral de Patrimonio Natural que, en cambio, non esgrime no seu último informe senón ás que, máis ben, alude en sentido contrario, asegurando que ‘os datos de calado e da velocidade da auga definidos poden diferir substancialmente para o novo emprazamento’ e mesmo que ‘os estudos de profundidade non garantían que nunha seca grande as piscinas non cheguen a tocar o fondo’ cando xa se documentaba que nin con 760 persoas de 80 kg cada unha, xuntas sobre o pantalán, chegaría a darse esa posibilidade”, lembrou o concelleiro.

Fernández insistiu, ademais, noutra das suposicións nas que se baseou a Xunta para emitir o seu informe desfavorable á modificación non substancial do emprazamento da zona de baño: a existencia de caudais extraordinarios – que descartan os propios datos oficiais antes mencionados – e o descoñecemento do tempo de desmontaxe das instalacións, en caso de que existise algunha opción de que esta tocase o leito do río – que como se demostrou é altamente improbable.

“É dicir, unha hipótese sobre outra hipótese que, ademais, o Concello de Lugo está en disposición de cumprir e resolver como así se lle fixo saber xa na documentación entregada para obter a concesión, polo que non cabe facer revisionismo sobre resolucións emitidas. Aínda así, para tranquilidade do Servizo de Patrimonio Natural, podemos afirmar que se fose necesario, en caso de emerxencia a estrutura podería retirarse en tan só 24 horas”, sinalou o tenente de alcaldesa.

O voceiro do Goberno localdeu conta, alén, de que o informe enviado á CHMS relata que, cando a Xunta fai referencia á presenza de mexillón de río, o fai na localización inicial, non na que se solicitou a modificación.

“É dicir, non achega datos dalgunha mostraxe realizada polo seu servizo nese novo emprazamento, senón que, directamente, extrapola por aproximación os datos obtidos pola empresa contratada polo adxudicatario das piscinas flotantes, sen ningunha comprobación in situ e, en cambio non valora os estudos que Topysa levou a cabo na nova zona proposta e nos que refería que augas arriba, a velocidade das correntes aumentaba e coincidía cunha baixa densidade de exemplares, o que indicaba procedente o desprazamento dos pantaláns”.

A área de Medio Ambiente do Concello de Lugo se reafirma, igualmente, en que na documentación gráfica entregada á Confederación a nova localización proposta ía perfectamente referenciada e nega rotundamenteas afirmacións da Dirección Xeral de Patrimonio Natural ao respecto de que non se tiveran en conta as súas recomendacións.

“Non só estamos refutando con datos e medicións as obxeccións que nos pon a Xunta de Galicia, senón que ademais estamos a seguir de xeito escrupuloso o procedemento establecido como xa se demostrou cando, antes de proceder á colocación dos mortos de formigón no leito do río, realizamos primeiro as mostraxes previas e como consecuencia do seu resultado, adiamos a montaxe da estrutura”, sinalou Fernández.

“Dicir que ‘o desprazamento de 40 metros augas arriba segue sendo unha área de alto valor ecolóxico para os mexillóns de río’ non pode senón sorprendernos por canto todo o Miño ao seu paso por Lugo pode considerarse como unha área de alto valor ecolóxico para esta especie. Proba disto é que existen comunidades en multitude de zonas ao longo do curso fluvial e que esta consideración xa a tiña no momento no que a Xunta emitiu os seus informes favorables (aínda que condicionados) e en base aos que se resolveu concedernos o permiso”, sentenciou o portavoz municipal.

“Precisamente – concluíu Miguel Fernández – se‘o Miño ao seu paso por Lugo pode considerarse unha área de alto valor ecolóxico para o mexillón de río’ e ‘as instalacións das piscinas flotantes son axeitadas en sistemas acuáticos leníticos (lagos, presas, encoros)’, cos novos condicionantes do Servizo de Patrimonio Natural non sería posible instalar a zona de baño nunha nova localización sen realizar unha modificación substancial da autorización concedida, xa que nin a ubicación inicial nin a proposta en segundo lugar, se atopan nun lago, nin nunha presa, nin nun encoro, que, por outra banda, tampouco existen en todo o termo municipal de Lugo o que desenmascara por si soa a vontade colaborativa que, neste sentido, amosou a Xunta de Galicia”, finalizou o edil.