González Santín denuncia que o goberno de Rajoy paralizou unilateralmente a Estación Intermodal de forma unilateral enganando ao concello e “ninguneando aos veciños de Lugo”

O PP vota no Parlamento en contra da chegada do AVE á capital da provincia

O deputado socialista Juan Carlos González Santín acusou hoxe ao PP de “enganar a tódolos lugueses” ao “borrar a Lugo do mapa do AVE”. Así o dixo no debate no Pleno do Parlamento dunha proposición non de Lei para que a Xunta garanta o cumprimento do acordo con goberno e concello para levar o AVE á capital da provincia, paralizado unilateralmente e ás agochadas polo Executivo de Rajoy.

González Santín sinalou que a decisión do Goberno central de paralizar a infraestrutura, desvelada grazas ás xestións do senador Ricardo Varela, “hipoteca o futuro da cidade” e de toda a provincia, a única de Galicia sen AVE. Ademais supón “o ninguneo por Fomento tanto aos veciños de Lugo como á Xunta, ao PP de Galicia e ao concello”, e considerou incomprensible que o PP rexeite hoxe unha proposta para pedir explicacións a Fomento.

Dixo que o PP “non ten escusa para non apoiar esta iniciativa” logo de constatar un engano masivo por parte do goberno central. Sinalou que “trátase de que digan si queren ou non a estación intermodal, apoiando esta iniciativa para pedirlle a Fomento que cumpra co asinado a tres bandas –con Xunta e Concello- e non nos dediquemos a falar do tempo e do que dicía Touriño hai dez anos”.

Os socialistas reclamaban hoxe que a Xunta se dirixira ao goberno central para esixir o compromiso asinado en 2010 para a construción da dita estación, que retome o acordo para evitar que a cidade e a provincia desaparezan do mapa fa alta velocidade e que tome as medidas necesarias para que non sexa a única capital provincial sen a infraestrutura.

Mentira
González Santín lembrou que, logo das preguntas formuladas dende o Senado polos socialistas galegos, o goberno central recoñeceu que en xullo de 2012 decidiu ampliar o prazo de execución e, en outubro do mesmo ano, acordaba con Adif a suspensión do contrato.

Denunciou que esta decisión foi tomada sen informar á cidadanía nin ao concello de Lugo, que asinara o protocolo para a construción da infraestrutura en agosto de 2010. O deputado socialista acusou ao goberno central de ocultar “a sabendas” a súa decisión ao senador socialista Ricardo Varela no debate dunha moción no mes de decembro e ao Concello de Lugo, que non recibiu ningunha comunicación ao respecto.

Salientou que o goberno “mentiu deliberadamente a un representante dos cidadáns do Senado e abandonou o compromiso con Lugo e coa alta velocidade, xa que a Intermodal é a porta do futuro da cidade: sen esa estación non hai AVE e, se non hai AVE, o futuro de Lugo está condicionado”.