Concepción Burgo acusa a Castiñeira de prometer como candidato un colexio de primaria que hoxe veta como deputado do PP
A deputada socialista Concepción Burgo criticou hoxe que a Xunta “non responda ás necesidades educativas de Lugo”. Así o dixo no debate dunha proposta socialista na Comisión de Educación para poñer en marcha un colexio de Primaria e un IES no Sur de Lugo, que foi rexeitada polo deputado do PP e candidato a alcalde Jaime Castiñeira.
Burgo lamentou o “flagrante incumprimento” dos compromisos do candidato do PP e deputado Jaime Castiñeira, que hoxe vetou un colexio de primaria para a zona sur de Lugo logo de telo comprometido como candidato.
A parlamentaria luguesa presentou unha proposición non de lei da Comisión de Educación para pedir a posta en marcha dun colexio de primaria e un IES na zona sur de Lugo para poder atender as necesidades de escolarización de esta zona da cidade que é a que presenta o maior crecemento demográfico da cidade dende fai dúas décadas sen que se fixeran novas dotacións educativas.
Dixo que “as necesidades de novas prazas para educación infantil puxéronse claramente de manifesto este ano cando houbo moitos problemas para escolarizar a todos os nenos da zona polo que é necesario un novo colexio de primaria para o que o concello xa ofertou os terreos”.
É tamén absolutamente necesario planificar un IES na zona sur porque é na zona onde se concentra a maior proporción de poboación moza da cidade e tan só existe un IES porque a Xunta de Galicia suprimiu o das Mercedes para crear un CIFP que agora se comproba que non era necesario.
O TSXG xa afirmou nunha sentencia que esta era una decisión arbitraria que ia ter graves repercusións para a cidade de Lugo tal como está a pasar pero a pesar delo o PP votou en contra desta iniciativa polo que néganse a dar resposta as necesidades de Lugo.
Incumprimento
A deputada socialista sinalou que “é o momento para que a Consellería de Educación asuma as súas responsabilidades, arranxe todos estes problemas e cree na zona sur da cidade de Lugo as dotacións educativas necesarias”. Sinalou que o propio Concello “xa ofertou solo público na zona de San Fiz”, co que “só resta que o Goberno teña a vontade política de facelo”.
Tamén criticou que Jaime Castiñeira diga no Parlamento que non existe ningún problema de escolarización en Lugo e que non son necesarias novas infraestruturas sobre todo cando prometeu na última campaña facer un novo colexio na zona sur.
Dixo que o mesmo deputado que hoxe rexeitou a proposta socialista era o que “prometía nas últimas eleccións, xunto co presidente da Xunta, que si chegaba a alcalde Lugo tería o dito centro” e hoxe vota en contra. Lamentou que “o candidato do PP non cumpre nin sequera perdendo as eleccións, co que agora sabemos que si chega a gañar o resultado sería unha nova mentira”.