Suporá novos empregos, permitirá potenciar o campus lucense e será un valor engadido que distinguirá aos estudantes que escollan esta cidade para formarse

Os socialistas queren completar deste xeito a aposta para que Lugo sexa o centro agrogandeiro do noroeste peninsular

Os candidatos socialistas Francisco Fraga, Manuel Chaín e Lino González Dopeso, presentaron novidades relacionadas co medioambiente e a aposta polo potenciamento do campus de Lugo como centro de referencia agrogandeira do Noroeste peninsular.

Os integrantes da lista socialista anunciaron que o programa de goberno co que se presentan ás eleccións do 22 de maio marca como eixo fundamental da súa política de goberno o emprego e a formación, esta última clave diferenciadora dos nosos mozos e mozas á hora de competir no mercado laboral.

Por iso anunciaron o seu compromiso para que en Lugo se instale un Centro de experimentación e investigación animal único en Galicia que converterá á nosa cidade en referente neste tipo de investigacións.

Emprego e bolsas de investigación internacionais
Esta aposta suporá, non só a creación de empregos directos para a posta en funcionamento deste centro, senón tamén a creación de bolsas de investigación que permitirán atraer investigadores de todo o mundo á nosa cidade, o que terá unha repercusión económica importante en Lugo.

Promoción do campus e atracción de estudantes
Para os socialistas este paso adiante na consolidación do campus de Lugo que, segundo destacou Manuel Chaín “conta cunha prestixiosa facultade de veterinaria con homologación europea, e un campus con vocación agrogandeira” atraerá novos estudantes a Lugo e repercutirá positivamente no fortalecemento do nosos campus, un dos motores económicos da cidade e unha das ferramentas máis importantes para a formación dos nosos mozos e mozas.

Chaín lembrou que o Concello xa deu os primeiros pasos para que este compromiso vaia tomando forma, ofrecendo a parcela municipal próxima ao matadoiro, para o traslado dos grandes animais que hai no Hospital Rof Codina. “Deste xeito eliminamos este problema para os veciños da zona, xa que os animais alí daban fortes cheiros, e permitimos que o Rof Codina conte cun espazo libre para a posta en marcha deste Centro”.

Aposta polo campus de Lugo e suma de esforzos
Francisco Fraga explicou que a aposta e compromiso de López Orozco co campus de Lugo “é absoluta” , e lembrou que a promoción da Universidade de Santiago en Lugo para lograr a chegada de novos estudantes “forma parte do noso programa de goberno e vese recollida tamén nesta nova iniciativa”. Para Fraga este Centro de investigación suporá un valor engadido na formación dos estudantes que veñan a Lugo, xa que atoparán un complemento á súa formación único en toda Galicia.

Segundo os socialistas lucenses este proxecto convertiría a esta cidade no motor agrogandeiro de Galicia: “Lugo é unha provincia eminentemente agrogandeira, e a esta realidade debemos sumar o campus de Lugo,a existencia do CACTUS, do IBADER, do CETAL e Cetil, da Granxa Gaioso Castro. Debemos apostar por situar a Lugo á cabeza da investigación neste eido”.

Neste senso, Fraga explicou que o Concello potenciará ademais os convenios de colaboración con estas entidades, para traballar todos xuntos na mesma dirección: “o mundo rural pode ser unha fonte extraordinaria de creación de novos postos de traballo, só debemos crer nas nosas posibilidades e apostar de cheo”.

Interese dos laboratorios
Ademais, xa anunciaron que había varios laboratorios interesados nesta proposta, o que evidencia o interese de grandes empresas por instalarse en Lugo e xerar emprego se o Centro se pon a andar. Este Centro, segundo explicou Francisco Fraga, permitirá a investigación con “medicamentos de liberación controlada, uso de novos materiais ou técnicas analíticas que parten da experimentación, o que pode converter a Lugo en pioneiro nestas investigacións”.