Así o anunciaron Concepción Burgo e Vicente Docasar logo da reunión que mantiveron co secretario de FAPACEL e de varios pais afectados, e na que lles trasladaron “o total apoio” do Grupo Parlamentario do PSOE

Para a zona norte, solicitarán que o Goberno galego se reúna con Afundación, co fin de chegar a un acordo para manter aberta a gardeiría no Sagrado Corazón e, de non ser así, que a administración autonómica proceda á construción dunha nova

Os socialistas fan estas peticións porque, tal e como recoñeceron varios pais afectados, a solución dada no día de onte, “é un parche e só atalla parcialmente este problema que viña existindo dende hai anos”

Os proxenitores lamentan a falta de explicacións por parte dos responsables da xestión dos centros educativos e critican que aínda non fosen recibidos pola xefa Territorial

Os deputados autonómicos –Vicente Docasar e Concepción Burgo- anunciaron este xoves que presentarán no Parlamento de Galicia iniciativas co fin de que a Xunta de Galicia dea unha solución urxente ao “grave problema” de escolarización da cidade de Lugo, pois aínda quedan uns 20 rapaces da zona sur sen escolarizar e, na norte, tanto a gardeiría como o colexio do Sagrado Corazón corren o risco de ser pechados. Así o anunciaron ambos os dous deputados, logo da reunión que mantiveron co secretario da Federación Provincial de APAs de Lugo (FAPACEL) –José Luis Blanco- e de varios pais afectados, e na que lles trasladaron “o total apoio” do Grupo Parlamentario Socialista.

Concepción Burgo subliñou que, “concretamente, o que demandaremos é que se faga de inmediato un centro que garanta e acolla todos os niveis educativos na zona sur, pois o concello xa ofertou parcelas de solo público para elo, ademais dunha planificación dos colexios para ter todas as necesidades cubertas a longo prazo e para o futuro, pois esta parte da cidade é a máis dinámica demograficamente e os existentes non cubren estas demandas”, afirmou.

Asemade, engadiu que, para a zona norte, solicitarán que o Goberno galego se reúna con Afundación, co fin de chegar a un acordo de manter aberta a gardeiría no Sagrado Corazón e, de non ser así, que a administración autonómica proceda á construción dunha nova, “porque non podemos esquecer que o problema recae en quen recae, e esa é a Xunta de Galicia”, subliñou Burgo.

A solución, “un parche”
Os socialistas farán estas peticións na Cámara galega porque, tal e como indicaron, “xa é hora de que se tomen medidas e de que se escoite aos pais e nais, que son os que realmente coñecen as necesidades dos pequenos”. E é que a solución dada no día de onte, segundo apuntou unha das nais afectadas, “só atalla parcialmente este problema que viña existindo dende hai anos, e que este ano se acentuou dunha maneira inaceptable nesta zona de influencia”.

“Déronnos centros alternativos, limítrofes e alonxados; unhas posibilidades que consideramos paliativas e que non melloran a carencia de prazas”, engadiu. Na mesma liña, o secretario de FAPACEL indicou que a solución “foi un parche para o que estaban reivindicando os pais e nais, pois para o curso que vén imos a estar na mesma situación”. Ademais, sinalou Blanco, “nesta zona levamos tempo cos colexios saturados e non podemos esquecer que tamén se pecharon dous institutos en dous anos”.

Sen explicacións e sen seren recibidos
O problema é de tal gravidade que existen rapaces que non lles deron praza en ningún colexio da zona, a pesares de que, nalgún dos casos, había seis dispoñibles. Así o explicou Raúl Vázquez, outro dos pais afectados. “Non me deron explicacións, só que non había sitio, pero ese non é o meu problema, senón o da xente que ten o labor de decidir se son necesarios centros ou non na zona. Eles son os que teñen que buscar solucións”. Asimesmo, denunciou que “tampouco nos queren recibir, nin sequera a xefa Territorial. O que pedimos é que nos dean unha solución ao 100% dos pais dos nenos da zona porque temos os mesmos dereitos que outros”, insistiu.

Neste caso concreto, o colexio adxudicado foi o de San Xosé, un dos máis afastados da súa zona de influencia. Diante esta situación, Raúl Vázquez non dubidou en amosar a súa incertidume e exclamou: “co que conleva o traslado para un neno de tres anos…! Se teño a opción de elexir un na miña zona, por que me mandan fóra?, remarcou.