Juan Carlos González Santín lembra que o goberno ten as instalacións dispoñibles nas que o seu candidato, Castiñeira, está a anunciar o traslado da Comisaría de Policía

O deputado socialista Juan Carlos González Santín lamentou hoxe a falla de compromiso amosada pola conselleira de Sanidade para instalar un novo Centro de Saúde e un PAC no antigo Materno de Lugo, pechado dende o seu traslado ao HULA. Así o dixo no debate dunha pregunta oral sobre os servizos sanitarios comprometidos co barrio polo presidente da Xunta.

González Santín lembrou que a zona conta con 9.000 veciños e veciñas na súa área de influenza, e advertiu que “Lugo mercería un novo PAC e un Centro de Saúde que ademais permitirían desconxestionar as emerxencias hospitalarias”. Estes dous servizos foron comprometidos polo propio Feijóo en 201, xunto cun laboratorio de saúde pública que finalmente estará situado na rúa Montevideo.

Criticou a falla de compromiso do goberno co PAC, mentres advirten que o Centro de Saúde está “en estudo” e “presumen de servizo de hemodinámica cando teñen a toda a provincia protestando por escamotear o servizo 24 horas para Lugo”. O responsable socialista reclamou estas dotacións para revitalizar un barrio que perdeu o seu motor económico e social de referencia dende o traslado do Hospital ao novo Hula.

González Santín sinalou que actualmente as instalacións do antigo Materno están “en perfectas condicións” para ubicar os novos servizos, malia as declaracións do presidente da Xunta, quen en 2011 advertira da necesidade de transferir os inmobles e de que a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas dixera, no pasado mes de marzo, que a parcela aínda non fora transferida.

O deputado socialista desmentiu estas declaracións que, dixo, “ou rozan a neglixencia profesional ou intentan enganar”, xa que os inmobles contan cunha cesión gratuíta sen caducidade dende a Seguridade Social ao Sergas por mor das transferencias do antigo Insalud. A día de hoxe, dixo, o único requisito necesario é que o goberno galego comunique a infraestrutura sanitaria que queira instalar na parcela.

Comisaría
O parlamentario lugués criticou que o candidato do PP á alcaldía, o tamén deputado no Parlamento Xaime Castiñeira, veña de confirmar “contactos” co director xeral da Policía para instalar a Comisaría de Policía nos locais agora desocupados.

González Santín preguntou si o candidato do PP “non se fía” do cumprimento dos compromisos do goberno galego e “está buscando alternativas” e reclamoulle aos responsables deste partido que expliquen “por qué non se pode facer o PAC e o Centro de Saúde e en cambio si se pode trasladar a Comisaría”.