Concepción Burgo sinala que o PP condena aos enfermos de cancro de Lugo a facer rutas de 10 horas para recibir un tratamento de 15 minutos, mentres os condena a non sobrevivir a un infarto de miocardio que non teña lugar de oito a tres
A deputada socialista Concepción Burgo criticou hoxe a hipocresía do goberno do PP e de Feijóo por aceptar a Iniciativa Lexislativa Popular para levar hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear a Lugo para emendala no debate parlamentario e cambiar completamente o seu sentido. A Lei foi aprobada hoxe co voto en solitario do PP.
A deputada socialista censurou a mentira e burla do PP, de Feijóo e do portavoz do PP en Lugo e deputado Jaime Castiñeira aos lugueses e luguesas logo de comprometerse a equiparar estes servizos sanitarios co resto das provincias galegas. Denunciou a cobardía política de Castiñeira, que non tivo a valentía de defender as emendas do PP a esta Lei porque sabe que van contra os dereitos dos lugueses e luguesas.
Acusounos de aceptar a iniciativa lexislativa sabendo que querían cambiar radicalmente a vontade cidadá por intereses do goberno incumprindo ademais unha proposición non de Lei socialista no mesmo sentido aprobada por unanimidade no Parlamento.
Dixo que o PP non ofreceu nin unha soa palabra explicando por qué se negan estes servizos á provincia de Lugo e explicou que o motivo é para beneficiar ao goberno e non dar os servizos. Explicou que o PP cambiou o texto ata o punto de que en lugar de modificar a Lei de Saúde cambia a Lei de Garantías Sanitarias, co que non compromete nada, pero abre a porta á transferencia de pacientes á sanidade privada.
A deputada luguesa sinalou que si cren que cunha sucesión de mentiras, medias verdades, enganos e trucos van calar á sociedade, están equivocados porque, engadiu, non van calar aos veciños e veciñas de Lugo nin tampouco aos socialistas galegos.
Condena
Burgo sinalou que o presidente da Xunta, desmentindo o seu compromiso, condena aos lugueses e luguesas enfermos de cancro a facer rutas de ata 10 horas para recibir 15 minutos de radioterapia. Ao mesmo tempo, dixo, condenan aos lugueses a non sobrevivir a un infarto de miocardio que teña lugar mais tarde das tres da tarde, cando pecha o servizo.
Ademais, explicou que o PP cambia un servizo hemodinámica 24 horas por procedementos de hemodinámica ou substitúen a equidade en función das condicións de calidade pola garantía das prestacións destas especialidades en igualdade de condicións.
Acusounos de paralizar de forma premeditada a Lei durante 9 meses para retrasar ao máximo posible a implantación da unidade de medicina nuclear no mellor dos casos ata ben entrado o ano 2017.
Lembrou que a Sociedade Española de Cardioloxía recomenda a hemodinámica 24 h para unha poboación dispersa como a da provincia, mentres a SE de Radioloxía recomenda 6 aceleradores por cada millón de habitantes, mentres Lugo non ten ningún.