O Grupo Municipal Socialista presenta unha proposición para instar á Xunta a que impulse as actuacións que ten pendentes na cidade

O Grupo Municipal Socialista rexeita os Orzamentos presentados pola Xunta para o 2015 porque resultan moi prexudiciais para a cidade de Lugo. Estes Orzamentos propagandísticos poñen de manifesto, unha vez máis, os incumprimentos sistemáticos de Feijóo coa nosa cidade.

Os socialistas, ante esta situación, presentan unha proposición na que se esixe que o Goberno de Feijóo cumpra os seus compromisos con Lugo. De tal xeito que os Orzamentos da Xunta para o ano 2015 lle dean pulo ás actuacións pendentes na cidade, dende os servizos do HULA ata o Cuartel de San Fernando.

Para elo, o Grupo Municipal do PSOE esixe que os Orzamentos da Xunta contemplen unha dotación económica suficiente para dotar ao HULA dos servizos prometidos reiteradamente por Feijóo, como son Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear. Ademais esta é unha demanda veciñal que contou co apoio unánime da cidadanía lucense.

Tamén é imprescindible para os socialistas construír o Museo da Romanización no antigo Cuartel de San Fernando, para frear o grave deterioro deste edificio, así como o avance das obras do Plan Paradai e executar a Ronda Leste.

Ademais o Grupo Municipal Socialista nesta proposición insta á Xunta a que realice as obras necesarias para darlle uso ao edificio da antiga Residencia. O que constitúe unha cuestión fundamental para evitar que o barrio siga esmorecendo.

Os socialistas destacan que o investimento que quere facer en Lugo o Goberno do PP para o ano próximo diminúe un 54,5% con respecto ao deste ano. Concretamente, a Xunta contemplaba para este ano máis de 16 millóns de euros para proxectos na cidade, mentres que para o 2015 só prevé investir uns 7 millóns de euros.

Para os socialistas lucenses moitas destas actuacións foron prometidas por Feijóo ano tras ano dende que chegou á Presidencia da Xunta. Isto demostra que son uns Orzamentos para facer unicamente propaganda, xa que para o 2015 volve a prometer o prometido en anos anteriores.