Os socialistas esixen ao Goberno Central máis medidas de proteción e prevención para as vítimas da violencia de xénero - PSdeG-PSOE de LUGO

Os socialistas esixen ao Goberno Central máis medidas de proteción e prevención para as vítimas da violencia de xénero

No segundo trimestre de 2014, segundo datos facilitados polo Ministerio de Xustiza, na provincia rexistráronse 267 denuncias por esta causa

Ricardo Varela e Pérez Herraiz subliñan que é urxente revisar todos os eslabóns da cadea para detectar as áreas de mellora e tomar todas as medidas para correxilas, pois esta lacra “é un déficit democrático e un problema social, en cuxa solución deben de implicarse os gobernantes e a sociedade”

Co PSOE, afirman, “foron 7 anos de avances, e co PP, 3 anos de retroceso. O Partido Popular puxo en perigo a viabilidade da Lei aprobada polo Executivo socialista e a súa efectividade cos continuos recortes presupostarios”. Concretamente, as partidas que destina o Goberno a este fin contan con 6,6 millóns de euros menos que en 2011; o que supón un recorte do 22%

Lamentan que a estratexia nacional proposta polo Executivo Central para a erradicación da violencia contra a muller (2013-2016) presente “notables “eivas”, que están relacionadas coa falla de formación destinada a diminuír os casos existentes e a aumentar a proteción das vítimas

No Día Internacional contra a Violencia de Xénero, os socialistas reclaman ao Goberno Central que estableza un plan específico de atención e prevención desta lacra, de tal xeito que se reduzan as cifras que hai na actualidade. Na provincia de Lugo, segundos datos obtidos polo senador –Ricardo Varela- e a deputada no Congreso –Margarita Pérez Herraiz-, en resposta parlamentaria do Ministerio de Xustiza, no segundo trimestre de 2014, rexistráronse 267 denuncias por esta causa, das que 166 foron delitos ingresados, 6 por faltas, 24 por asuntos civís, 8 por auxilio xudicial, 4 por sinalamento, e 59 por procedementos elevados.

Polo que respecta ao resto das provincias, estas cifras son as seguintes: A Coruña (494 delitos ingresados; 75 faltas; 103 asuntos civís; 75 casos de auxilio xudicial; 30 de sinalamento; e 57 procedementos elevados); Ourense (141 delitos ingresados; 12 faltas; 68 asuntos civís; 0 por auxilio xudicial; 12 por sinalamento e 25 por procedementos sinalados); e, Pontevedra (597 delitos ingresados; 39 faltas; 79 asuntos civís; 33 auxilios xudiciais; 78 por sinalamento; e 131 por procedemento elevado).

“Eivas” nas medidas do Estado
Diante esta situación, subliñan Varela e Herraiz, “é urxente revisar todos os eslabóns da cadea para detectar as áreas de mellora e tomar todas as medidas para corrixilas. A violencia é un déficit democrático e un problema social, en cuxa solución deben de implicarse os gobernantes e a sociedade”. Por este motivo, o senador lucense denuncia o escaso compromiso do Goberno Central no obxectivo da prevención e a proteción das vítimas, e que se demostra na estratexia nacional proposta polo Executivo para a erradicación da violencia contra a muller (2013-2016). Concretamente, dita iniciativa, asegura Varela, “presenta notables eivas”, pois non plantexa medidas para garantir unha formación na que se establezan criterios comúns que eviten, por exemplo, as desigualdades no territorio. Asimesmo, tampouco se establecen calendarios para a formación dos profesionais nin os indicadores para poder auditar ou avaliar as actuacións formativas en todo o Estado.

“Avaliar a formación realizada en cada eido de actuación en relación coa violencia de xénero require establecer de forma urxente un plan de formación específica inicial e permanente, no que se definan os obxectivos desta formación, con criterios comúns e de calidade en todo o territorio, cun cronograma de implantación e sistema de avaliación, cos indicadores de estrutura, proceso e, sobre todo, resultados, e con dotación presupostaria suficiente”. Deste xeito, é preciso, indica Ricardo Varela, que dito Plan inclúa “a formación na valoración do risco que compete a todos os profesionais que interveñen no eido da xustiza, sanidade e seguridade, que se avalíen os protocolos de actuación en cada un dos ámbitos de actuación fronte a este fenómeno violento e a necesaria formación para o seu correcto desenvolvemento. Para elo, cómpre dotar de persoal técnico especializado ás distintas áreas de intervención fronte á violencia de xénero, sen esquecer a prevención, e a persecución do agresor”, afirma.

Compromiso dos socialistas
Trátase, en definitiva, asegura Herraiz, de reforzar o compromiso das políticas encamiñadas a este fin, tal e como fixeron os Gobernos socialistas. “Co PSOE, afirma a deputada no Congreso, foron 7 anos de avances, e co PP, 3 anos de retroceso. O Partido Popular puxo en perigo a viabilidade da Lei aprobada polo Executivo socialista e a súa efectividade cos continuos recortes presupostarios”. Concretamente, as partidas que destina o Goberno a este fin contan con 6,6 millóns de euros menos que en 2011; o que supón un recorte do 22%. “Cremos que estamos ante un retroceso ideolóxico, de forma que o Goberno elimina da súa axenda a igualdade. A Ministra Mato fai invisible esta lacra e os asasinatos machistas, negándose a falar delo”; cuestión que vai en contra, asegura, da Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de medidas de proteción integral contra a Violencia de Xénero, no seu artigo 1, recolle: “…La presente Ley tiene por objeto actuar contra la violencia que, como manifestación de la discriminación, la situación de desigualdad y las relaciones de poder de los hombres sobre las mujeres, se ejerce sobre éstas por parte de quienes sean o hayan sido sus cónyuges o de quienes estén o hayan estado ligados a ellas por relaciones similares de afectividad, aún sin convivencia…”.

En dita Lei se establece a necesidade dunha actuación integral, integrada, coordinada e rápida, que detecte ás mulleres que sofren a violencia, dándolles atención, seguridade e apoio posterior para a súa recuperación. Asimesmo, subliña, deseñouse un Plan Nacional de sensibilización e prevención para combater este tipo de violencia, na cal todas as persoas implicadas na loita comparten conceptos e directrices básicas coas que orientar o seu labor. Ademais, o Partido Socialista, xunto con organizacións, institucións e profesionais, plantexaron en reiteradas ocasións un gran pacto social e político para a seguridade das mulleres e contra a violencia de xénero; “pacto que, por certo, non foi aceptado polo Goberno”. A isto, hai que engadir, conclúe a deputada no Congreso, que, froito de reunións a nivel nacional e europeo, “tamén plantexamos propostas para facer fronte á situación de emerxencia que vivimos, como garantir a educación, sensibilización e prevención na familia, nos sistemas de saúde e educativo, medios de comunicación e redes sociais”.