Concepción Burgo e Luis Álvarez lamentan que Castiñeira “sempre elixe facerlle o traballo sucio ao PP por diante de defender a cidade”
Os deputados lucenses Concepción Burgo e Luis Álvarez veñen de rexistrar no Parlamento unha iniciativa para que a Xunta remate “de forma inmediata” o auditorio da cidade de Lugo con todo o equipamento necesario para a súa posta en marcha inmediata. Os socialistas esíxenlle a Feijóo que “acabe dunha vez co engano a Lugo” e lembran que o Concello xa pagou os 1.202.000 euros de investimento que comprometeu aportar no convenio asinado co goberno galego.
Deste xeito, Burgo e Álvarez piden ademais unha “rectificación pública e inmediata” do popular Jaime Castiñeira, e que admita ante os veciños que esta importante cantidade xa foi aportada por parte do Concello á Xunta de Galicia en dous prazos, o último en 2011. “Que lles explique que é o goberno de Feijóo quen non quere cumprir co seu compromiso, nun novo desprezo a Lugo” que só pretende “propiciar un enfrontamento con institucións gobernadas por partidos políticos distintos ao PP”. Os socialistas lamentan que Jaime Castiñeira “sempre elixe facerlle o traballo sucio ao PP por diante de defender a cidade”.
Burgo puntualiza que nos acordos asinados entre o Concello lucense e a Xunta se establece como obriga da Xunta de Galicia financiar o proxecto e execución do auditorio, así como todos os elementos accesorios e complementarios necesarios para o seu funcionamento, mentres o Concello se compromete a asumir a súa conservación, mantemento e xestión. Pola súa banda, a Deputación nin sequera formou parte de ditos compromisos. “A Xunta engana ao pretender facer crer que son o Concello e a Deputación os que teñen que rematar o auditorio cando non teñen ningunha obriga de facelo segundo o convenio asinado, nin de investir os cartos dos lucenses en suplir as obrigas da Xunta”, rematan.