Luis Álvarez destacou que Lugo conseguirá o servizo de Hemodinámica as 24 horas coa presión popular

O Voceiro do Grupo Municipal Socialista, Luis Álvarez, reclamoulle a Castiñeira que defenda os intereses da cidadanía lucense e que non os supedite ao que lle convén en cada momento á Xunta de Galicia. Tamén o animou a que tome nota das declaracións feitas por dous compañeiros seus do PP, ambos médicos de profesión, o ex Alcalde de Palas e o Alcalde de Friol.

Nese sentido, Luis Álvarez instou a Castiñeira “a que non nos faga reforzar a convicción que xa temos de que é un mal candidato” e que defenda a necesidade de dotar ao HULA do servizo de Hemodinámica as 24 horas do día.

O Voceiro Socialista destacou que “os lucenses conseguiremos o servizo de Hemodinámica as 24 horas coa presión popular”, que xa conseguiu obrigar á Xunta a adxudicar os equipos de Radioterapia para o HULA prometidos por Feijóo hai catro anos.

Así mesmo, Luis Álvarez quixo agradecer que a Deputación provincial tomara a iniciativa de ofrecerse a cofinanciar o servizo de Hemodinámica as 24 horas coa Xunta e instou a Feijóo a sentarse a negociar os termos dese ofrecemento.