Ricardo Varela rexistrou unha moción na Cámara Alta, co obxectivo de que Fomento cumpra o compromiso asumido en 2010, a través dun convenio de colaboración subscrito a tres bandas polo Ministerio, a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo

Asegura que o grupo parlamentario socialista decidiu levar este asunto ó Senado, logo que que, dende que o Executivo acordase en 2011 poñer en marcha o estudo de construción, non se ten coñecemento de ningún avance neste proxecto, pois o estudo está paralizado e o Executivo estatal non dá ningunha resposta sobre o seu desenvolvemento

Subliña que “temos a sensación de que ademais hai ordes políticas de metelo nun caixón, e que durma aí o sono dos xustos. Como non teñen pensado facer o treito do AVE tampouco farán a estación intermodal. O que atopamos é que non se fixo nada, nin un so metro dende que cambiou o goberno en España”

O senador lucense, Ricardo Varela, vén de rexistrar unha moción no Senado, a través da que o Grupo Parlamentario Socialista insta ó Goberno Central a presentar de forma inmediata o proxecto para a construción da estación Intermodal de Lugo, así como a fixar prazos de execución e data de remate da obra para a súa posta en servizo. Neste senso, Varela subliña que “temos a sensación de que ademais de non avanzar hai ordes políticas de paralizalo e de metelo nun caixón, e que durma aí o sono dos xustos. Como non teñen pensado facer o treito do AVE tampouco farán a Intermodal. O que atopamos é que non se fixo nada, nin un so metro dende que cambiou o goberno en España”.

Un proxecto con máis de dous anos de retraso
O Executivo estatal acordou en 2011 poñer en marcha o estudo para a construción desta infraestrutura no Concello de Lugo. Esta decisión viña motivada por unha dobre razón, por unha banda, habilitar unha estación de ferrocarril adaptada e adecuada para o tren de Alta Velocidade que previsibilimente estará en uso proximamente e, pola outra, concentrar nun só punto as instalacións de transportes de viaxeiros dispersas na actualidade na cidade, facilitando en boa medida a eliminacdión do “tallo”, que hoxe supón a estación de RENFE en Lugo, e en toda a zona norte.

Dende esa data, asegura o senador lucense, “non temos coñecemento de ningún avance neste proxecto, estando o estudo paralizado. Proba delo, é que o Ministerio de Fomento non nos deu ningunha resposta sobre o seu desenvolvemento”, afirma o socialista.

Interconexión co resto dos modos de transporte
A nova Estación Intermodal de Lugo dará resposta ás necesidades de interconexión co resto de modos de transporte e sistema xeral para garantir a plena mobilidade no seu contorno.
Co protocolo suscrito en agosto de 2010 –un ano antes de que se puxese en marchar o estudo de construción- deuse o primeiro paso para a execución desta infraestrutura, o que impulsa a incorporación de Lugo á rede ferroviaria de alta velocidade e constitúe unha iniciativa estratéxica para o desenvolvemento territorial e económico de Galicia, garantindo a mobilidade dos cidadáns.

Na Intermodal integrarase a estación ferroviaria de alta velocidade cos demáis sistemas de transporte urbano e interurbano para facilitar o intercambio entre os usuarios de ferrocarril e outros modos de transporte. Ademais, o protocolo, respectando a ubicación estratéxica no espazo urbano da actual estación ferroviaria de Lugo, determina a necesidade de optimizar recursos, integrando os servizos de hostalería, aparcamento, equipamentos de oficiñas e comerciais nas instalacións actuais cos previstos na remodelación futura.

Máis concretamente, o documento asinado establece a remodelación do feixe de vías existente para a súa adaptación á chegada da alta velocidade e a construcción dun novo edificio de viaxeiros, que se integre no actual, así como a remodelación do conxunto de instalacións ferroviarias para favorecer a intermodalidade cos demais sistemas de transporte. Neste senso, tamén se prevé a construción dun novo edificio para a estación de autobuses. Asemade, é intención das partes a integración na trama urbana dos terros colindantes ó trazado que se liberen.

Financiación
No protocolo establécense as pautas de financiación da actuación entre Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia e Concello de Lugo, que se concretarán a través de posteriores convenios de desenvolvemento. Deste xeito, o Ministerio de Fomento encargarase da nova estación de alta velocidade e do 50% dos custes do desenvolvemento urbanístico do seu contorno; a Comunidade Autónoma asumirá o custe da nova estación de autobuses, así como o do 50% das actuacións de reurbanización do contorno que, no seu caso, sexan necesarias para a loxística da Estación Intermodal; e o Concello de Lugo asumiría o importe das actuacións de reurbanización do contorno da actual estación.