José López Orozco encabeza unha comitiva de candidatos socialistas e cargos do partidos que chega á estación da cidade procedente de Sarria

A campaña de López Orozco será de feitos e de reivindicacións

José López Orozco, cabeza de lista do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Lugo, acompañado dos membros da súa candidatura abriron hoxe a campaña electoral cun acto reivindicativo no que estiveron acompañados de diversos cargos socialistas e de candidatos de varios concellos da provincia.

Baixo o lema “Para que Lugo non perda o tren” os socialistas lucenses viaxaron en tren dende Sarria ata a capital lucense reclamando a necesidade de contar con esta conexión ferroviaria. Para López Orozco “perdemos catro anos con respecto ó tren e os socialistas non queremos perdelo para sempre”.

Por iso, explicou que inician unha campaña electoral “de facer pero tamén de reivindicar” e criticou á Ministra de Fomento por desbotar “pola súa conta” o proxecto asinado hai 6 anos, “un proxecto interesante para a cidade, para facer a Estación Intermodal e para darlle unha saída urbanística a esta zona de Lugo. Non queremos ser a única capital de Galicia que quede sen Estación Intermodal e sen o tren de alta velocidade e non é un problema do Partido Socialista, senón do conxunto da cidadanía lucense, que non esquece os incumprimentos de Feijóo e da Ministra de Fomento”.

No acto, o eurodeputado socialista José Blanco, que promoveu como titular de Fomento no ano 2009 o proxecto da estación e da reordenación da zona, criticou a falta de respecto do Goberno do PP e, en concreto, da Ministra de Fomento por abandonar este proxecto e, con el, abandonar á cidadanía lucense e reclamoulles que o retomen porque “non van calar as nosas bocas”.

Apertura de campaña novidosa

José López Orozco definiu o acto de inicio da campaña electoral como “algo distinto á clásica pegada de carteis” e explicou que con este xesto reivindicativo queren manifestar que “aquí estamos defendendo sempre a esta cidade e a esta provincia e esta reclamación é o noso cartel”. Amais, o xesto reflicte a preocupación polo medio ambiente dos socialistas, evitando o uso do papel, tal e como recolle o seu programa electoral.

José López Orozco inicia este venres unha campaña electoral marcada pola austeridade na que os socialistas estarán na rúa, preto da xente, para que a veciñanza coñeza de primeira man as propostas do seu programa electoral para guiar o Lugo dos próximos catro anos.

O Alcalde e candidato socialista á Alcaldía de Lugo dirixiuse ás compañeiras e compañeiros socialistas apuntando que “a nosa paixón por Lugo é contaxiosa e xa veredes como se vai contaxiar a moitas e moitos lucenses. O Partido Popular está esgotado, anda buscando licenzas, está ausente con Castiñeira á cabeza, e a mellor licenza que pode ter é a que dixo hoxe: “vou dimitir como alcalde”, porque xa pensa que non a vai conseguir. Nós traballaremos cóbado a cóbado coa cidadanía para servilos máis e mellor”. E rematou a súa alocución dándolle ánimo á candidatura e chamándoa “a conquistar o corazón da xente”.

Á viaxe en tren dende Sarria ata Lugo, realizada pola candidatura do PSdeG-PSOE á Alcaldía lucense, sumáronse o eurodeputado José Blanco, o senador Ricardo Varela, Concepción Burgo, deputada no Parlamento de Galicia ou Margarita Pérez Herráiz, deputada no Congreso nos Deputados. Ademais, participaron os candidatos socialistas ás alcaldías de Láncara, Paradela e Sarria.