López Orozco acusa á Xunta de Feijóo de ignorar o deporte lucense
O candidato socialista critica que Feijóo rexeite de novo en Lugo os servizos do HULA demandados pola veciñanza
José López Orozco, Alcalde e candidato socialista á Alcaldía de Lugo, acompañado de José Manuel Díaz Grandío, concelleiro de Deportes e candidato, presentaron hoxe as propostas do programa do PSOE de Lugo no ámbito deportivo.
Co obxectivo principal de lograr que o deporte sexa “para todas e todos porque é un dereito”, López Orozco deixou claro que “en Lugo respiramos deporte”, polo que esta é unha área á que os socialistas dedican moitos esforzos e investimento “de feito, o Concello de Lugo en 16 anos só recibiu 400.000 euros da Xunta de Galicia, que chegaron do goberno bipartito, e o resto foron investimentos municipais e colaboración da Deputación Provincial, por iso lle presentamos tarxeta vermella ó goberno de Feijóo, ó Goberno da Xunta de Galicia”.
O Alcalde e candidato apuntou que manterá a súa idea de ofrecer instalacións libres e gratuítas ó aire libre “porque queremos unha cidade para vivir”. Así, anunciou a construción de dúas novas infraestruturas: o complexo deportivo municipal en San Fiz e o novo pavillón polideportivo nas Gándaras, que incorporará un rocódromo. Destacou, López Orozco, a importancia do Corre con Nós ó que situarán como “referente do deporte galego”, o reforzo do apoio ó deporte base lucense e a promoción do deporte feminino como piares do programa en materia deportiva.
Ademais, completarán os circuítos urbanos e sendeiros entorno ó río e instalarán tirolinas para deportes de acción e circuítos para a práctica de deporte ó aire libre. Tamén, rehabilitarán os espazos construídos polos gobernos de Orozco cun investimento de 600.000 euros e dotarán de calefacción ós Polideportivos do Palomar e Piringalla. José Manuel Díaz Grandío engadiu a importancia da aposta dos socialistas lucenses polos deportes minoritarios, de maneira que case todos teñen instalacións para a súa práctica, estando xa en marcha a sala de esgrima, o parque de workout e un espazo para o agility.
“Feijóo ponnos enfermo”
José López Orozco tamén se referiu hoxe á visita de Núñez Feijóo a Lugo criticando que o presidente da Xunta “ós lucenses ponnos enfermo porque “unha vez máis e en presenza do señor Castiñeira volveu rexeitar a solicitude unánime de tódolos lucenses que queremos Hemodinámica 24 horas ó día, queremos radioterapia e medicina nuclear”. Sinalou o Alcalde e candidato socialista que o presidente da Xunta rexeita esa demanda social coa “complicidade e o aplauso de Jaime Castiñeira”.
No tocante ó anuncio feito pola Ministra Fátima Báñez en Lugo prometendo 5.000 postos de traballo, López Orozco recomendoulle que, ante o fracaso da súa encomenda á Virxe do Rocío, para crear emprego, mellor opte por encomendarse á “Virxe dos Ollos Grandes que é moito máis milagreira”.
López Orozco criticou que sexa a “a ministra do desemprego, a ministra que lle quitou os dereitos ós traballadores, a ministra que posibilita que os traballadores teñan horarios de sol a sol e contratos precarios de dúas ou de tres horas” a que veña presumindo de xerar emprego, poñendo en dúbida a calidade do tipo de traballo que anuncian. Por iso lanzou varias preguntas: “que vai facer esa ministra, o goberno de Feijóo e o goberno de Rajoy para que haxa eses postos de traballo? Pensaron algo nos fondos europeos como figura en cambio no noso programa?”. Por último, López Orozco cuestionou o destino dos fondos europeos que chegan a Galicia “grazas a Lugo e Ourense. Señor Feijóo, onde os vai empregar? Para seguir desenvolvendo a Galicia Atlántica e esquecendo a Galicia interior?”.
A candidatura do PSOE de Lugo visitou esta mañá o Barrio da Milagrosa e, pola tarde, estiveron distribuíndo información electoral no Barrio da Ponte.